Os Vilares acolle a "lección de cultura etnográfica" da Romaría Labrega da Chaira

Manuel Castro Santamariña pregoou a trixésima edición dunha cita de "reencontro"
                      Pregoeiro e directiva cos homenaxeados, e artesanía e merendas.
photo_camera Pregoeiro e directiva cos homenaxeados, e artesanía e merendas. C. PÉREZ

"Esta Romaría Labrega da Chaira, romaría de nobres apelidos, supón para moitos de nós un reencontro. Reencontro con persoas, veciños residentes ou emigrados que retorman nestas datas e tamén reencontro cunha cultura, coa cultura labrega de hai non tantos anos, que nunca estivo valorada debidamente pero que é a nosa, a que, directa ou indirectamente, nos deu e dá de comer", asegurou este sábado no seu pregón o guitiricense Manuel Castro Santamariña, que foi o encargado de abrir oficialmente a trixésima edición desta tradicional cita que organizan os veciños dos Vilares.

A carballeira do Cancelo volveu ser un rebulir de xente de distintas xeracións, de música, de tradición e ata deporte. Pero sobre todo volveu amosar, tras dous anos de parón polo covid, toda a riqueza da cultura popular galega.

                      Pregoeiro e directiva cos homenaxeados, e artesanía e merendas.
Pregoeiro e directiva cos homenaxeados, e artesanía e merendas. C. PÉREZ

Así o quixo transmitir Santamariña na súa intervención, na que non dubidou en facer unha volta ao pasado, cando desde nenos se estaba en contacto co mundo labrego e tamén colaboraban co traballo dos maiores. "Rapaces labregos que, aínda que hai quen non lle dá valor a esas vivencias ou mesmo renega delas, eu considero que fomos afortunados en moitos aspectos. Temos un coñecemento da natureza e da cultura popular que os residentes das cidades non teñen", asegurou.

Carros de nabo, tiratacos de bieiteiro, aguilladas, mollos, medeiros, fouciña, restreba, ameneiro, sanguiño, pudia, uz, carqueixa, malvela... foron algunhas das palabras que puxo de exemplo dese patrimonio oral e cultural que hai no mundo labrego.

"Esta romaría é para os máis vellos un excelente evento onde revivimos de xeito gratificante e festivo vivencias pasadas; e para os máis novos e forasteiros, unha auténtica lección de cultura etnográfica", sentenciou o pregoeiro antes de rematar o seu discurso cos poemas Labrego de Manuel María e A Teixa e a Gallarda de Xosé Crecente Vega.

A primeira xornada desta cita tamén contou cunha ruta cabalar, cuns 70 participantes, e probas e carreira ecuestre, a cuarta mostra de artesanía, xogos populares e a música de Na Casa Zoqueiro, Leirabuxo e, xa pola noite, de Os Carunchos e Os Residuos Atractivos.

A festa seguiu este domingo cunha mostra de escultura con motoserra, coches clásicos, carreira de cortacéspedes e moita música

Tamén houbo un recordo especial para Pepe, Suso e Román, aos cales a actual directiva da asociación veciñal quixo homenaxear pola súa colaboración coa romaría ao longo de tres décadas.

A celebración continuou este domingo con marcha e concentración de vehículos antigos, demostración de escultura con motoserra e as actuacións de Peter Punk, Os Trapeiros dos Vilares, Requinta da Laxeira, Bruxaina e, pola noite, Javi Show. Ademais, haberá probas de habilidade con maquinaria agrícola, a terceira carreira de cortacéspedes e unha festa da espuma.

Comentarios