Vilalbeses, listos para 'xirar' sen descanso en A Magdalena

A área recreativa de Vilalba prepárase para acoller esta fin de semana por centos de persoas que non queren perderse a cita con máis desenfreo e que dá o pistoletazo de saída ás festas de San Ramón

Asistentes a una de las sesiones vermú de la Xira de 2017. JOSUNE BARGUEIRAS
photo_camera Asistentes a unha das sesións vermú da Xira de 2017. JOSUNE BARGUEIRAS

CAMISETAS enxeñosas, os complementos máis rechamantes, o calzado máis cómodo e o "caseto" coas máximas prestacións posibles —que non lles falte sofá, música e conxelador—. Logo de varias semanas de preparación, os vilalbeses xa teñen todo listo para gozar a partir deste venres e durante toda a fin de semana da Xira campestre. A cita con máis desenfreo do San Ramón vilalbés e que dá pé á semana grande das patronais da capital chairega, que se pecharán o 2 de setembro.

Pero para chegar a ese día hai que superar con éxito estes tres días iniciais, de festa continua. Mañá, tarde e noite. E, para iso, as cuadrillas montan o seu particular campamento temporal con víveres e, sobre todo, bebidas para sobrevivir. Empanadas, tortillas, churrasco e moito alcol será a base do menú dos asistentes á Xira vilalbesa.

Aínda que a xornada principal segue sendo a de mañá, sábado, hai moitos que xa aproveitan que acaban este venres de montar as súas cabanas para facer xa noite. Eles poderán gozar dos concertos dos raperos Chocolay e 27800 Mafia, desde as 21.30 horas. Tras eles actuarán os grupos de rock Conduto Coloquio e Black Vintage.

O sábado será a quenda das orquestras Fin de Siglo e Essencia, que amenizarán unha completa sesión vermú e tamén a verbena nocturna. Este ano, como novidade, pola tarde haberá unha mostra interactiva de xogos tradicionais a cargo de Xotramu e organizada polo Iescha, para todos aqueles que queiran gozar da festa de forma distinta xogando como nenos.

O domingo chegará a quenda de dicir adeus á Xira ata o próximo ano. A música da Charanga de Vilalba e a orquestra América SL fará máis levadía a despedida.

Comentarios