A vilalbesa Chá Summer School forma a 14 mozos

Os participantes, de Galicia e Portugal, despiden este sábado o curso de teatro con varias pezas itinerantes
2019072019023160500
photo_camera Participantes na Chá Summer School. S. IGLESIA

Catorce mozos de Galicia e Portugal converteron Vilalba no seu particular escenario grazas á primeira Chá Summer School, unha "escola de verán educativa enfocada ao teatro", describe a súa directora, Iria Azevedo.

Desde o 14 e ata o domingo, os participantes reciben clases, comen e pasan a noite no auditorio Carmen Estévez. Alí, a propia Iria Azevedo, o escocés Joe Gallagher, o italiano Massimo Malucelli e a lusa Isabel Barros, os seus profesores, fan de rede, "sustentando as propostas que os alumnos fan", explica Azevedo. Tamén incide en que a idea é combinar o teatro co Camiño de Santiago, xa que se enmarca no programa O Teu Xacobeo, da Xunta, co apoio do Concello vilalbés, Ingapán, EdroDance e o Centro Cultural e Recreativo. Para coñecer a ruta xacobea e levala ao guión, falaron con peregrinos, unha experiencia "moi interesante".

As catro clases que reciben ao día teñen o obxectivo de formar " creadores, non só actores", polo que a improvisación é fundamental. Para participar non é necesario contar con experiencia actoral, ou polo menos non moita.

Antía González, de Moaña, é unha das alumnas, con experiencia na aula de Teatro da USC. "Tamén fixen algo de teatro non colexio e a miña familia tamén é teatreira", di, satisfeita por facer "todo o día o que nos gusta" e por entendernos "tan ben e ver que o teatro é universal".

Este sábado,ás 20.30 horas, ensinarán ao público as súas pezas itinerantes, no auditorio e outros espazos. Farano sen a "presión de facer un espectáculo" e coa sensación de crecer actoralmente, verse inmersos na convivencia de culturas e linguas e crear "unha familia".

O próximo ano "temos a intención" de ir a por segunda edición, pero "abríndonos tamén a Italia e Escocia", avanza a directora dun proxecto "novo".

Comentarios