Un vilalbés impulsa un proxecto para facilitar o Camiño aos peregrinos

Pilgrim, que naceu en 2016, acaba de investir 400.000 euros para internacionalizarse

Equipo de la empresa Pilgrim.EP
photo_camera Equipo da empresa Pilgrim.EP

O mozo emprendedor vilalbés Roberto Fraga leva a tecnoloxía e as ferramentas dixitais ao Camiño de Santiago a través da súa empresa Pilgrim, fincada en Santiago de Compostela. Faino desde 2016 xunto a Lara Castelo e defíneo como un proxecto de "dúas patas": "Axencia de viaxes especializada no peregrino e compañía que desenvolve tecnoloxía para todos os axentes do Camiño", explica Roberto, Ceo e presidente do Consello de Administración de Pilgrim.

E o crecemento desde entón foi imparable. Tanto que veñen de pechar unha rolda de investimento de 400.000 euros. Esta ampliación de capital constitúe a maior rolda de financiamento privado que consegue unha startup galega no que vai de 2018, algo que vai acorde cos principios da mesma. O seu Ceo afirma que se trata dunha empresa pensada para buscar investimento e sumar socios e marcas estratéxicas", elemento común en moitas das compañías de nova creación.

Con este empuxón económico pretenden impulsar a súa internacionalización, "e poder medir con maior exactitude que tipo de peregrino fai o Camiño", puntualiza Fraga. ¿O obxectivo? Axustarse ás necesidades do camiñante e permitir que el mesmo poida planificar o seu propio percorrido, algo que pode facer desde a páxina web www.pilgrim.es.

Trátase dun único espazo no que se aúna todo o que o peregrino pide, "especialmente o estranxeiro", matiza Fraga. "Démonos conta de que os que facían o Camiño desde fóra sentíanse perdidos ao chegar a España. Había servizos que non estaban unificados, como é o caso de taxis ou pequenos hoteis e albergues. Existía un nicho de negocio enorme e era o momento de cubrilo", explica Fraga.

Co lanzamento da app, o peregrino terá ao alcance da man e en tempo real, a posibilidade de trasladar a equipaxe, comprobar a dispoñibilidade de pasar a noite en establecementos asociados ou descubrir puntos de interese próximos.

Esta é toda unha novidade neste ámbito e máis dunha decena de premios a nivel nacional aválano, entre os que se atopan o galardón recibido polo Clúster da Comunicación Gráfica, o que outorga o Colexio de Economistas galego ou o do Centro Internacional de Empredimiento do Banco Santander. Este último deulle a oportunidade de visitar Silicon Valley e a Universidade de Standford, centros de referencia en canto a excelencia tecnolóxica e empresarial.

"Da miña experiencia en San Francisco recollín sobre todo a potencialidade da mercadotecnia dixital e as súas estratexias", comenta Fraga ao recordar a uns profesionais "que son capaces de venderche fume porque cren en todo o que fan, por pequena que sexa a idea". E unha xeminou en Vilalba, por onde pasa o Camiño Norte e "fixo de banco de probas próximo", afirma o mozo.

A confianza que depositan no seu proxecto é clave para alcanzar as súas metas, como "chegar aos 6.000 usuarios", comenta Roberto, á vez que insiste na necesidade de crernos "que isto é algo grande, ao contrario do que pensa a xente cando lle falas do Camiño, que só se fai cunha mochila". Agora tamén se fai con móbil e con todo o necesario a un clic de distancia.

Comentarios