Vilalba e Outeiro de Rei mobilizaránse o vindeiro xoves por un "prezo xusto" para o leite

O Sindicato Labrego Galego propón a Unións Agrarias unha lista "unitaria" de reivindicacións para acudir ás protestas 
Vacas y tractores por la Ronda da Muralla en la tractorada realizada en Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Vacas y tractores por la Ronda da Muralla en la tractorada realizada en Lugo. SEBAS SENANDE

Colectivos como o Sindicato Labrego Galego (SLG) e a Asociación Agraria de Galicia (Asaga) chaman aos gandeiros a mobilizarse de novo o vindeiro xoves, 11 de novembro, nos municipios lucenses de Vilalba e Outeiro de Rei para esixir "prezos xustos" para a produción de leite.

De feito, este mesmo xoves, a Secretaría Xeral do SLG trasladou a Unións Agrarias (UU AA) unha proposta para que a protesta de Vilalba, que se celebrará ante a sede de Lactalis, teña unha intención "unitaria" e poida ser apoiada "pola totalidade do sector".

Trátase dunha "proposta de mínimos" que o sindicato sintetiza en seis puntos. Entre eles, a intención de alcanzar "de inmediato un prezo que cubra os custos de produción" e que "permita vivir ás granxas".

SABER MÁIS | Os ganadeiros asumen que tenrán que "seguir presionando" para que o leite suba

Neste sentido, esixe a convocatoria urxente da Mesa do Leite por parte da Consellería do Medio Rural da Xunta, que ten "a obriga moral de tentar todas as vías posibles" para garantir a viabilidade dos produtores.

O SLG tamén reclama á Administración que desenvolva "referencias de custos de produción" que fagan "real" a prohibición das vendas a perdas que recolle a futura lei estatal da cadea alimentaria.

Ademais, os seis puntos propostos a UU AA recollen un sistema de mediación que evite que os contratos sexan de adhesión, un veto a que os operadores poidan comprar leite se non teñen aval suficiente para pagala, así como unha liña de traballo "urxente" coas administracións para reducir custos e impedir tanto a especulación coas materias primas como as tarifas eléctricas que penalizan a produción.

MOBILIZACIÓNS NOUTRAS CC AA. Pola súa banda, a Asociación Agraria de Galicia enmarca estas mobilizacións en paralelo ás que as súas entidades irmás convoca en datas similares para Castela e León, Andalucía e Cantabria. O obxectivo destas protestas é esixir ás industrias lácteas e ás distribuidoras "que recoñezan a subida de custos e deixen de presionar e afogar ao primeiro elo da cadea".

Neste contexto, a xunta directiva de Asaga chama ás administracións a "reforzar os controis" para que a lei de cadea alimentaria se aplique "de forma eficaz", dado que nestes momentos "as industrias lácteas seguen tendo a tixola polo mango e impoñen condicións inasumibles aos gandeiros. 

"Por ese motivo imos volver a alzar a voz, para esixir a todos, Administracións, industrias e cadeas da distribución que entendan e se fagan cargo da situación que atravesa o sector", engade. 

Comentarios