O Concello de Vilalba humaniza Coronel Pena e dixitaliza o arquivo municipal

Os traballos realizaranse co taller de emprego Terra Chá no Camiño II, compartido con Abadín, que se centrará en arranxar beirarrúas
undefined
photo_camera Un momento da visita de Veleiro e Criado aos alumnos do obradoiro de emprego. EP

O Concello de Vilalba anunciou que executará un proxecto para humanizar a travesía Coronel Pena, uns traballos que se realizarán dentro do taller de emprego Terra Chá no Camiño II. Esta nova convocatoria do obradoiro permitirá ademais seguir coa dixitalización do arquivo municipal da capital chairega, unha tarefa que foi iniciada por alumnado de edicións anteriores.

Neste segundo obradoiro Terra Chá no Camiño, para o que a Xunta de Galicia destina 369.446 euros, e que Vilalba comparte outra vez co municipio veciño de Abadín, hai unha vintena de alumnos.

Dos 14 procedentes de Vilalba, seis estarán en operacións auxiliares de gravación e tratamento de datos e documentos, que se encargarán de continuar coas tarefas de dixitalización do arquivo municipal, e oito, formaranse no módulo de pavimentos e albanelería de restauración, responsabilizándose dos traballos de mellora en Coronel Pena. A esta modalidade tamén asisten os seis alumnos procedentes de Abadín.

Estes centraranse na mellora de beirarrúas na céntrica Avenida de Galicia. "Co primeiro obradoiro fixéronse as beirarrúas da man dereita en dirección Vilalba e, nesta ocasión, faranse as da man esquerda», adiantou o rexedor de Abadín, José María López Rancaño.

Pola súa banda, a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, quen visitou os alumnos do taller xunto ao concelleiro de medio ambiente, Ignacio Criado, explicou que con este tipo de iniciativas pódese "mellorar a empregabilidade dos participantes, que obteñen a cualificación necesaria para optar a postos de traballo".

"Aínda que os concellos non temos competencias directas en materia de emprego, temos que facer todo o posible para axudar á nosa veciñanza", concluíu Veleiro.

Esta nova edición do taller de emprego prolongarase nove meses, ata xullo de 2022. Ademais, ao seu termo, 15 alumnos terán a opción de traballar nunha empresa da zona, por un mínimo de tres meses, grazas a unha achega a maiores da Xunta de 22.500 euros.

Comentarios