Vilalba estrea un novo espazo de lecer e descanso

Habilitou unha praza na intersección das rúas Calvario e dos Pepes
undefined
photo_camera Últimos traballos na nova praza do centro urbano vilalbés. EP

O Concello de Vilalba acaba de habilitar un novo espazo de lecer e descanso na intersección das rúas Calvario e dos Pepes, dentro do proxecto de reforma e humanización integral das citadas vías, que se atopa na súa última fase de execución.

Así, habilitouse unha pequena praza na contorna do cruceiro que había nesta zona, de uso eminentemente peonil, e que conta con varios bancos e árbores, así como iluminación ornamental. "Neste espazo, ata o de agora utilizado en moitas ocasións para o estacionamento de vehículos, poderán xogar os nenos ou descansar os veciños que así o desexen nos bancos instalados", indican desde o goberno municipal vilalbés.

O proxecto integral de reforma da Rúa dos Pepes e a do Calvario inclúe actuacións no abastecemento, a iluminación e o pavimento, así como a instalación de novo mobiliario urbano. A zona terá "amplos espazos de preferencia peonil" e unha nova rede de abastecemento de auga, cambiando as canalizacións, as acometidas das vivendas e as bocas de rega e incendios.

Renovarase tamén o pavimento e a rede de iluminación, nos que, no caso da Rúa dos Pepes, o Concello aposta por adoquín e luminarias ornamentais "cun elevado valor estético". Toda a contorna contará con bancos de descanso, papeleiras, sinalización horizontal e vertical e alcorques. "Unha reforma integral que humanizará a zona, dándolle protagonismo ás persoas e renovando todos os servizos", afirmou Luis Fernández, concelleiro de infraestruturas.

Este proxecto, cuxo orzamento roldaba os 300.000 euros, adxudicouse finalmente por 239.000. O obxectivo principal era solucionar os problemas de abastecemento de auga que sufrían nesta zona, debido ao estado e antigüidade da rede, e aproveitouse para darlle un lavado de cara ao lugar. O maior cambio estético deuse na Rúa dos Pepes, onde ademais cambiará o sentido da circulación, accedendo desde a rúa Xosé María Chao Ledo, e eliminouse o aparcadoiro das marxes.

Comentarios