Vilalba entrega os premios do III Certame de Microrrelatos

José Ángel Corral, Abril Viqueira e Mencía Naz lograron o primeiro posto das súas categorías. Alvarellos publicará todas as obras
Certame de Microrrelatos de Vilalba. EP
photo_camera Certame de Microrrelatos de Vilalba. EP

A casa da cultura de Vilalba acolleu esta fin de semana a entrega de premios do III Certame de Microrrelatos Día do Libro 2021, organizado polo Concello vilalbés en colaboración con Culturalia GZ, nun acto que lembrou "a importancia da creación literaria, cunha esixencia engadida neste formato reducido que obriga a condensar historias e outorgar valor a cada palabra". 

Na categoría infantil gañou Mencía Naz Martín, de Vigo, con Onde estou; seguida da vilalbesa Paula Pérez Cendán, con Océano. O terceiro premio quedou esta vez deserto. 

Abril Viqueira Pose, de Ordes, con Vía de escape, acadou o primeiro posto na categoría xuvenil do certame. O segundo posto foi para Lucía Martínez Lago, de Vigo, co microrrelato Normal, e o terceiro recaeu en Mariña Maceiras Segovia, de Pontevedra, coa obra Xurista

Na categoría de adultos, José Ángel Corral Suárez, de Bertamiráns, gañou o primeiro premio co microrrelato Crescendo, seguido de José Manuel Souto Lema, de Coristanco, que levou o segundo galardón co traballo Uns polos outros, e de Patricia Torrado Queiruga, de Porto do Son, que consegue un recoñecemento por terceiro ano consecutivo neste certame, esta vez un terceiro premio, coa obra En carne viva. 

Dende o Concello de Vilalba quixeron agradecer "o labor de dinamización cultural de Culturalia GZ, na figura de Martiño Maseda, así como o acompañamento de Henrique Alvarellos, de Alvarellos Editora, para a publicación das obras" e anunciaron que tras publicar un primeiro libro con todos os textos premiados na primeira e na segunda convocatoria do certame, haberá unha segunda publicación que integrará esta edición e a vindeira. 

O xurado, que foi o responsable de elixir os traballos, estivo formado por Mercedes Queixas, profesora e escritora; Ánxela Gracián, tradutora e escritora; e Armando Requeixo, escritor, profesor e crítico literario.

Comentarios