Vilalba aproveitará o novo contrato para modernizar a recollida de lixo

O goberno local traballa nas bases da licitación, que incluirán un incremento de persoal e medios e máis frecuencia no rural
2020092811335956438
photo_camera Recollida de lixo en Vilalba. ARQUIVO

A concesión do servizo de recollida de lixo de Vilalba expira este martes, tras 20 anos de prestación por parte de Urbaser. O acordo, no que se fixeron actualizacións puntuais, non é prorrogable, polo que o goberno local ultima os pregos do novo contrato, que aproveitará para modernizar a prestación "dun servizo básico e fundamental para a cidadanía", tal e como destacou a alcaldesa, Elba Veleiro.

Desde o Concello precisan que os pregos técnicos xa están listos e só resta ultimar os administrativos para sacar a concurso o servizo, coa idea de adxudicalo por polo menos cinco anos. Ata que isto ocorra, "o servizo vaise continuar prestando con absoluta normalidade", aseguran.

O importe da concesión incrementarase substancialmente, segundo destacan desde o goberno local, tanto polos cambios experimentados pola normativa xeral e específica —é obrigatorio, por exemplo, que polo menos o 50% sexa reciclaxe selectiva— como pola necesidade de actualizalo. Así, se o custo roldaba os 700.000 euros anuais, no novo contrato superará o millón ao ano.

O edil Rodrigo Pavón avanza que o goberno local tamén prevé revisar o padrón de recollida de lixos. "O goberno anterior fixo modificacións na ordenanza en 2015, pero non revisou o padrón", di, polo que existe unha gran discrepancia entre o que se recada e o volume que se recolle.

O novo contrato, que buscará axustarse á realidade de hoxe en Vilalba, que pouco ten que ver co escenario no que se subscribiu o acordo precedente hai dúas décadas, contempla renovar a maquinaria, xa que moita está obsoleta; incrementar a frecuencia da recollida no rural, onde só se fai unha vez á semana; ou, ademais de conservar os postos de traballo, crear cinco novos. Estes derivarían do incremento de horas de recollida ao ano, que se fixa en 17.300 (2.670 xornadas laborais), e de limpeza viaria, que roldará as 14.500 horas (2.236 xornadas).

Unha das grandes novidades será contar cun sistema de xestión informática para facer un seguimento de vehículos e maquinaria, optimizar rutas e controlar avisos e incidencias. Os colectores terán sensores que permitirán coñecer, por exemplo, o seu nivel de enchido. Tamén se prevé mellorar as recollidas de voluminosos, aparatos eléctricos, animais mortos, pilas ou a recollida de mercados, así como o servizo do punto limpo, incluíndo un servizo móbil.

Con respecto á limpeza viaria, fíxanse zonas e frecuencias e inclúese por primeira vez un servizo nas parroquias e na praia fluvial da Magdalena.

Comentarios