Vilalba en acuarelas, por Fernando G. Rubal

O tempo libre que trae consigo a xubilación levou a este pintor autodidacta a recuperar a súa afección polos pinceis, coa capital chairega coma o seu principal motivo pictórico
Muíño do Rañego. RUBAL
photo_camera Muíño do Rañego. RUBAL

Fernando García Rubal debuxaba ben no instituto. Era unha das súa materias favoritas e sacaba boas notas. Anos despois, o seu traballo levouno a Mieres (Asturias), onde probou sorte co óleo e pintou diversos cadros que acabou por regalarlle á familia. "Non volvín tocalo, ata que fai ano e medio me xubilei e busquei algo que facer", conta este veciño de Vilalba, ao que a súa muller lle propuxo recuperar esa esquecida afección pola pintura.

"Primeiro probei co acrílico, pero non me gustou moito e deixeino, e entón pensei na acuarela", conta un artista que se define como "autodidacta puro". "Empecei a argallar e algunha,  pouquiñas, gustábanme", confesa Rubal, que asegura ser "moi crítico" co seu traballo.

Vista nocturna da Rúa Porte de Cima. RUBAL
Vista nocturna da Rúa Porte de Cima. RUBAL

A base de proba e erro, foi experimentando ata que deu con esa combinación que lle fixo pensar "non está mal". E comezou a encher horas creando obras que agora comparte cos veciños e con calquera persoa que estea interesada a través do grupo de facebook Vilalba na Rede.

 Pinta algún que outro retrato, máis son as paisaxes, a arquitectura e o urbanismo os que cautivan o seu ollo e os seus pinceis, e nomeadamente, a capital chairega é o seu principal motivo pictórico. Nas súas obras son facilmente identificables rúas, muíños ou igrexas, que calquera veciño pode situar.

Vehículo antigo. RUBAL
Vehículo antigo. RUBAL

"Gústame andar, camiño moito e cando vexo algo que me gusta, fágolle unha fotografía", explica Rubal, que precisa ademais que cando ten idea de algo que quere pintar e non o ten á man,  recorre a unha ferramenta virtual, Google Street View. Cando dá con aquilo que lle interesa, fai unha captura de pantalla e a partir de aí xa ten unha referencia a través da que crear sobre o papel.

"Pinto sen pretensión ningunha, por entreterme, para min é unha afección", incide Rubal, a quen máis de un xa lle ten preguntado polas súas obras, mesmo ofrecéndose a comprarllas. Pero non lle interesa vendelas, porque, insiste, só o fai porque lle gusta.

"Algúns preguntan por elas e eu regáloas, levo regalado moitas e teño moitas máis", explica Rubal, disposto a seguir compartindo desinteresadamente a a súa arte a través desa gran ventá ao mundo que son as redes sociais. 

Capela da Guadalupe. RUBAL
Capela da Guadalupe. RUBAL

Comentarios