Viladonga viviu unha festa dos 50 na Noite dos Museos

Oxeito encargouse de recrear unha verbena coma as de antes nunha xornada na que tamén houbo xogos tradicionais e actuacións
Un momento da particular verbena celebrada este sábado en Viladonga. SILVIA IGLESIA
photo_camera Un momento da particular verbena celebrada este sábado en Viladonga. SILVIA IGLESIA

O Museo do Castro de Viladonga vestiuse este sábado de gala para celebrar a Noite dos Museos, unha xornada de portas abertas que serviu para achegar estas instalacións a todo aquel que o desexase mentres reinaba o ambiente festivo. E non de calquera festa, senón daquelas verbenas dos anos 40 e 50 que o grupo lugués Oxeito se encargou de recrear a través do espectáculo Verbena galega d'antes.

Gardas con capa e tricornio, un cura e incluso o alcalde coa secretaria, que se encargaron de dar o pregón para arrancar esta particular festa, foron algúns dos personaxes que se pasaron por Viladonga no día de este domingo, no que tampouco faltaron a taberna, a música a ritmo de xota e os bailadores, ataviados como se de hai 70 anos se tratase.

Un momento da particular verbena celebrada este sábado en Viladonga. SILVIA IGLESIA

Antes, uns 40 integrantes do grupo local Os Valuros xa se encargaran de poñer a súa nota musical e, tras o remate da súa actuación, arrancaron a bailar. "Estanos encantando, parece sacado dunha película, pero a contorna tamén axuda", dicían desde un grupo de asistentes chegados de Lugo e da Fonsagrada, ademais de Castro de Rei, ao tempo que observaban o discorrer do baile.

Durante toda a tarde, que rematou coa música barroca ofrecida pola formación Afecto y Desdén, os presentes no recinto do museo castrexo tamén deron marcha atrás no tempo grazas a Xotramu, cuxos integrantes acudiron á chamada da cita cargados de xogos de toda a vida, desde os zancos ata o aro, pasando polos sacos ou o zambombazo.

Un momento da particular verbena celebrada este sábado en Viladonga. SILVIA IGLESIA

E para repoñer forzas, a Noite dos Museos –promovida pola Secretaría Xeral de Cultura, en colaboración coa Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga e o Concello de Castro de Rei– rematou con petiscos, bebidas e queimada para todos os presentes, cos que se puxo o broche de ouro a esta máis que esperada volta. "Levabamos dous anos sen facela, pero é unha actividade que está moi afianzada. Facémola desde 2005", lembraba o domingo a directora das instalacións, Elena Varela, ao tempo que Pili Iglesias, organizadora do evento, destacaba a "función social" do museo. "É un punto de encontro e de celebración, un xeito distinto de dalo a coñecer", concluían.

Un momento da particular verbena celebrada este sábado en Viladonga. SILVIA IGLESIA

Comentarios