Viladonga programa música e visitas narradas polo castro

O museo celebra as Letras Galegas e o Día e a Noite dos Museos co actor Avelino González ou concertos de fado e de Abraham Cupeiro

El sarriano Abraham Cupeiro. AEP
photo_camera O sarrián Abraham Cupeiro. AEP

O Museo do Castro de Viladonga concentra esta semana as celebracións máis importantes do ano nas súas instalacións, a conmemoración do Día das Letras Galegas, do Día Internacional dos Museos e da Noite dos Museos, con tres xornadas protagonizadas pola música, os xogos e as visitas guiadas.

Este xoves, ás 18.00 horas, o concerto Camiños do Fado, a cargo do dúo formado por Iria Estévez e Gonzo Piña, inaugurará un programa de actos de acceso libre e gratuíto, financiado pola Dirección Xeral de Patrominio coa colaboración da asociación de Amigos do Castro de Viladonga e o Concello de Castro de Rei.

O venres 18, ás 11.30 horas, o actor Avelino González realizará unha singular visita guiada polo castro, conectando na súa narración o pasado e o futuro do xacemento. A súa proposta para o Día dos Museos -a lema internacional este ano é Museos hiperconectados. Enfoques novos, públicos novos-, repetirase o sábado ás 19.00 horas, dentro dos actos da Noite dos Museos.

Ese día 19 tamén haberá un espazo para os xogos con materiais naturais e os xoguetes sonoros, da man da Cooperativa Miudiño, que impartirá un taller ás 17.30 horas. Ademais, ás 20.00 horas, o multiinstrumentista Abraham Cupeiro encherá Viladonga de novas sonoridades grazas a instrumentos perdidos no tempo.

As actividades complétanse coa proxección continua, a partir das 17.30 horas dun vídeo de recordo e homenaxe a Xosé Manuel Carballo, presidente de honra de Amigos do Castro de Viladonga.

Comentarios