A VII Invernada de Cine leva tres filmes galegos á casa escola de Cabreiros

A programación comezará o 26 co documental Os días afogados e a chairega Iria Silvosa proxectará o 14 de decembro a súa curta A loba 
Iria Silvosa, directora de A loba. ANA SOMOZA (AEP)
photo_camera Iria Silvosa, directora de A loba. ANA SOMOZA (AEP)

A casa escola de Cabreiros acollerá de novo a Invernada de Cine, organizada pola Asociación de Veciños de Cabreiros e o Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC e que nesta sétima edición levará tres filmes galegos á parroquia xermadesa.

O seu inicio será o vindeiro sábado 26 de outubro, ás 18.30 horas, día no que arrancará a cita con Os días afogados. O seu codirector, Luis Avilés, estará na proxección desta obra que narra a construción do encoro de Lindoso, en Portugal, onde se inundaron varias aldeas e cuxos veciños gravaron o proceso, constituíndo así "un valioso documento histórico e etnográfico", segundo se recolle na sinopse da cinta.

A seguinte cita será o 16 de novembro coa película Trinta lumes, de Diana Toucedo, que recorre unha aldea do Courel entre o documental e a ficción. Logo do visionado, terá lugar o coloquio Falemos do Courel co presidente da asociación Fonte do Milagro, Evaristo Méndez, e unha mestra e veciña do Courel, Neves Arza. Ese mes rematará coa actividade guiada por Fernando Fernández, Unha ollada ao vello cinema en Super 8, coa que se poderá coñecer "de maneira interactiva" como era o cine doméstico de fai medio século. Dende a organización tamén animan aos asistentes a levar as súas propias películas en Super 8 para proxectalas.

A pegada chairega chegará o 14 de decembro coa vilalbesa Iria Silvosa, que proxectará a súa curtametraxe A loba, creada para a Invernada de Cine dentro do concello de Xermade e que bebe da obra Pepa A Loba, do pastoricense Carlos G. Reigosa. Farao xunto a outras pezas de Chanfaina Lab dentro do Eu quero facer unha película, unha conversa na que se darán a coñecer as experiencias dos que se adican ao audiovisual. Na charla participarán o responsable de Chanfaina Lab, Manolo González, o produtor Suso López, de Gaitafilms, e Silvosa.

A Invernada de Cine rematará o día 21 de decembro con Gloria Mosquera e Diego Maceiras, de Mamá Cabra, que presentarán Contos para un mundo mellor.

Comentarios