Unha vida pura feita documental

Ángel Cordero debuta como director nunha peza audiovisual que narra a historia vital de Pedrón, un veciño das Pontes querido e apreciado por todos pola súa tenacidade e simpatía natural

Pedrón a carón da Lareira. EP
photo_camera Pedrón a carón da Lareira. EP

Solitario ao pé do cumio do Monte Caxado, sen máis compaña que a de catro cans, un gato, varias galiñas e algún que outro pato, é onde vive Pedrón, un veciño de 85 anos do lugar do Vilar, na parroquia pontesa do Freixo, coñecido na volta por ser un supervivinte dunha vida pura e dura que inspira un documental que verá a luz en 2018.

O profesor Ángel Cordero é o artífice desta peza audiovisual, coa que debutará como director, logo de dous intensos anos de rodaxe xunto a un amplo equipo de profesionais. "Conocí a Pedrón a través de un amigo que adquirió una casa en O Freixo, me pareció un hombre con una vida fascinante y, al fallarnos otro proyecto que teníamos en marcha, pensamos en hacer algo con él", relata Cordero, que ao propoñerllo recibiu unha resposta afirmativa ao instante.

"Fue increíble. Grabamos con nieve, lluvia, de todo. Pedrón es un actor impresionante. Se conoce al dedillo la historia de los caminos de la zona, es un lujo escucharle, su forma de hablar, su vida tan pura y natural...", vai enumerando o director, mentres explica que a peza, que ten unha duración de 65 minutos, se estreará nas Pontes, diante dos seus veciños. "Tenemos material para seis o siete documentales", recoñece entre risas.

Unha vida complexa, cargada de obstáculos, que Pedrón foi salvando coa súa fortaleza e a súa innegable tenacidade

O protagonista, que xa tivo ocasión de ver a peza rematada, amósase satisfeito co resultado e está encantado de poder ensinar a súa vida ao mundo. "Fue el primero en verlo. Llevamos una pantalla gigante a su casa y se lo pusimos. Con ver su cara de satisfacción, para mí ya es suficiente, ya está todo el trabajo pagado", di o director, quen non descarta presentar o traballo aos festivais que vaian saíndo, ao tempo que lle dá paso a Pedrón para que sexa el mesmo o que conte a súa historia.

"Nacín no mes de maio do ano 1933, nesta casa. A miña nai abandonoume con tres meses e meu pai nunca me recoñeceu —aínda que herdou o seu alcume—. Crieime coa miña avoa e dúas tías", explica rápido, mentres dá un salto no tempo, recordando como con dez anos, "e tras pasar moi pouco pola escola", comezou a traballar.

"Eran outros tempos", di agarrado ao seu inseparable cigarro, botando a cinza ao lume que quenta unha cociña na que o reloxo se detivo para sempre. "Aínda que viva só, nunca me sinto así. Tódolos días vén alguén visitarme", engade, e rememora o seu paso pola emigración.

"Con vinte e pico de anos marchei a Francia, alí traballei durante cinco nunha fábrica de queixos. Chamábanlle "fromage". Tiñan uns buratos máis grandes có demo. Vin de vacacións e a miña avoa, que xa era moi maior, pediume que quedase. E xa non volvín", conta con certa resignación, mentres relata como se buscou a vida para saír adiante facendo un pouco de todo.

"Tiven vacas, as mellores de todo O Freixo. Tamén cabras, ovellas e bestas. Gustábanme moito as poxas", explica Pedrón, que despois de cumprir coas tarefas na casa buscaba "as pesetas" facendo todo tipo de encargas. "Teño segado de noite. Recollín fungos —é un especialista na materia e ten gañado concursos— e mesmo fun pescar troitas. Pagábanme a 3.000 pesetas o quilo. Fixen moitos cartos", asegura cun sorriso, un home que tamén sabe facer carbón e "bendice los males", segundo asegura Cordero, quen engade a todas estas virtudes "su generosidad y buen humor".

E o certo é que só fai falla pasar unhas horas de animada conversa para namorarse del e da súa historia. Unha vida complexa, cargada de obstáculos, que foi salvando coa súa fortaleza e a súa innegable tenacidade. "Non tiven moita sorte, pero fun saíndo adiante. Non me queixo", di.

O documental chega como un sopro de aire fresco, grazas ao cal tivo a oportunidade de viaxar e coñecer novos lugares. "Leváronme a Loiba e a moitos outros sitios", asegura Pedrón, que aínda que sae menos da casa, continúa manténdose activo coas súas afeccións.

"Aínda vou pescar ao mar e fago mel, teño 45 colmeas", confirma este home, que narrará estas e moitas outras anécdotas no documental da súa vida, co que desexa que as tradicións de antes perduren no tempo. "Agora os novos non coñecen nada. Así que quero que a xente vexa como eran as cousas antes", di, esperanzado en que a estrea da peza sexa un éxito.

Comentarios