A vida en Castro continúa sen o rebumbio da populosa feira dos mércores

O estado de alarma non deixa espazo para o polbo e o sabor a mar no corazón chairego
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Dous veciños saen do centro de saúde. XESÚS PONTE

Era día de feira en Castro, pero na céntrica carballeira que cada mércores enche a vila de rebumbio onte non había toldos nin xente. No local de madeira, epicentro do sabor a mar no corazón chairego, as horas pasaron pero o polbo nunca chegou a ocupar o seu lugar protagonista de sempre. Sentíase certo baleiro.

Aínda así a sensación ao entrar en Castro dende Lugo é diferente á chegada a outras vilas da montaña, completamente inmóbiles. O ir e vir de coches, aínda que con moito menos tráfico que antes do estado de alarma, demostra que a vida, pese a todo, continúa.

Os servizos municipais, que estiveron desinfectando o centro de saúde e un xeriátrico no que ninguén pasea —os internos están illados nas súas habitacións—, collen rumbo a Castro de Rei.

Generated by  IJG JPEG LibraryAppleMarkUn pouco máis adiante, onde os negocios empezan a apretarse, Gene Noval espera diante de Correos. "É unha mala sensación, é como estar nunha peli americana sobre pandemias e que se vai acabar o mundo", di, ao tempo que asegura que cre que non nos din a verdade. Vive en Castro e ten unha cafetería na Pastoriza, agora pechada. "Cáesenos a casa enriba e andamos cos horarios descontrolados", di unha muller que segue con preocupación as noticias de Asturias. Alí viven os seus pais.

No supermercado Froiz traballa Fani Prieto. Como o resto das súas compañeiras, leva unha mascarilla feita por ela que xa forma parte do seu uniforme. Ten un fillo, que está cos seus pais nas Pontes, e fala de que extraoficialmente xa se comenta que o cole non volve.

"Hoxe ben, con menos xente, pero non hai moita conciencia, algún vén tres ou catro veces ao día", di. "A primeira semana foi case avaricia. Os primeiros días comprábase sobre todo pasta e papel hixiénico, a segunda, produtos de limpeza, e agora, chocolate e cervexa", relata cunha imaxe que impacta fronte ao espello da nosa nova rutina. "Juntos hacemos un buen equipo, todo saldrá bien", reza a súa mascarilla. Boas vibracións para continuar.

Generated by  IJG JPEG LibraryAppleMarkA poucos pasos nun balcón está unha das súas compañeiras, Rocío Abelleira, que, coma o resto, ten que desfrutar o día libre na casa; contradicións do momento. Vive coa súa irmá, Mónica, e coa súa nai, Hortensia Balea, e cada vez que chega aplícase na limpeza. "No traballo desinfectamos dúas ou tres veces os carros, incluso os cartos», di, e explica que na casa vai directa á ducha e lava todos os días a roupa de traballo. «Algúns dicían que eramos esaxeradas por levar mascarillas", di, pero hai tempo que non son as únicas.

Aventino Iglesias e María Inés Freire, de Duarría, veñen no coche do centro de saúde. "Operáronme e tiven que vir sacar uns puntos", di a muller, sentada en diagonal no asento de atrás. "Nós mantemos a distancia de seguridade", din amables, mentres recoñecen que están algo «alterados» pola situación pero tamén "tranquilos". «Non sabemos de ningún positivo e é unha sorte vivir na aldea para pasear na finca», aseguran.

Generated by  IJG JPEG LibraryAppleMarkNo polígono o ritmo é máis tranquilo do habitual. A cárnica e a queixería seguen con actividade. Vitalmar parou a produción de mexillón —outro produto de mar que deixou a Chaira— e Patatotas fai equilibrios. "Precolavi, a empresa de croquetas, tivemos que pechala porque o 100% da produción é para a hostelería e en Patatotas estamos funcionando ao 25% porque o 80% é para hostalaría", di o responsable, Jacobo Viaño. Presentaron un Erte, pero denegáronllo. O futuro vese difícil.

Comentarios