RECUNCHOS A DESCUBRIR

Viaxe no tempo para indagar no pasado

Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Vista xeral do castro de Viladonga. V.BRAN

Se as pedras falasen serían a máis viva enciclopedia da nosa historia. E isto precisamente é o que acontece ao perderse ente os vestixios dun dos xacementos castrexos máis importantes de Galicia: o Castro de Viladonga.

Paseando entre o que queda das vivendas ou entre o que aló dende o séculos II a.C ata o V d.C foron as rúas ou as murallas do asentamento pódese indagar na forma de vida dos antergos.

O espectacular conxunto de catro hectáreas está formado por recintos amurallados e fosos, dous antecastros e unha grande área central, a croa, que acolle a maioría das estruturas escavadas.

Pezas de xoiería expostas no museo

O interese polo xacemento xurdiu en 1911, a raíz do casual descubrimento dun torque. Este feito levou a que en 1971 se iniciasen os traballos de escavación na zona grazas a Ramón Falcón e a Manuel Chamoso Lamas.

Os traballos sacaron á luz un bo número de estruturas habitacionais na croa así como abundante material da cultura galaico-romana. As escavacións seguiron dando froitos en anos sucesivos e para expoñer todo o descuberto decidiuse crear o museo nunha edificación anexa. Nel, en catro salas, albérganse pezas de xoiería, restos de cerámica, moedas ou amuletos cos que se pode recrear o pasado castrexo da comarca chairega.

O lugar
No concello de Castro de Rei e a apenas 20 minutos de Lugo érguese o Museo do Castro de Viladonga. Trátase dun dos xacementos castrexos mellor conservados de Galicia que foi declarado BIC no ano 2009 .
Curiosidades
O ano pasado celebrouse o 35 aniversario da apertura de portas do museo, habilitado no edificio deseñado polo arquitecto coruñés Carlos Fernández Gago.
Horarios
Está aberto de marzo a outubro de 10.00 a 20.00 horas e de novembro a febreiro de 10.00 a 19.00 horas. O acceso é libre e gratuíto.
Dúas pezas de cerámica expostas no museo do castro

Comentarios