Unha viaxe pola historia remota das Pontes

Cultureume impulsa unha mostra, Man a man, que percorre a prehistoria e antigüidade da vila a través de varias pezas arqueolóxicas
Lois Gómez, na presentación da mostra no mercado municipal pontés. EP
photo_camera Lois Gómez, na presentación da mostra no mercado municipal pontés. EP

Diferentes pezas arqueolóxicas que van desde a Prehistoria ata finais do Imperio Romano son o punto de partida da exposición Man a man, un percorrido polo pasado máis afastado das Pontes a través deses obxectos que foron elaborados manualmente polos homes e mulleres que habitaron estas terras.

"Desde hai tempo hai certa demanda de que se expoñan os obxectos que foron exhumados nas escavacións arqueolóxicas que se realizaron nos xacementos da mina", explica Lois Gómez, un dos responsables de Cultureume, a firma encargada de elaborar esta mostra, na que se presenta boa parte da importante colección de pezas coas que conta o Concello das Pontes e que proceden das escavacións que se fixeron co convenio da Xunta de Galicia e de Endesa a finais dos anos 80 no xacemento mineiro hoxe reconvertido en lago.

A exposición, que recolle materiais comprendidos entre a Prehistoria e a fin do Imperio Romano, permanecerá aberta ata o 15 de outubro

"O que se pretende é mostrar obxectos que forman parte da nosa historia e que están gardados habitualmente en almacéns", engade Gómez, precisando que "coas explicacións necesarias" as persoas que visiten a exposición poderán entender o valor cultural desas pezas do pasado.

Ademais, todo o material que se mostra está contextualizado e apoiado a través dunha serie de ilustracións elaboradas por Laura Decibreiro, artista que recrea coa súa particular mirada escenas cotiás das diversas épocas do pasado das Pontes.

Así, as vitrinas cheas de pedazos de historia teñen información extra neses paneis didácticos que as acompañan e nas que, entre outras cuestións, se explica en que sociedades foron usados eses obxectos. Un xeito "ameno e didáctico" de achegarse ás orixes da vila, tal e como destacou a concelleira de Turismo, Elena López, durante a presentación dunha exposición "destinada a todos os públicos", que estará aberta ata o vindeiro 15 de outubro.

Nas vitrinas pódense ver obxectos recollidos nas escavacións arqueolóxicas realizadas no xacemento mineiro reconvertido en lago

Nela, e coa premisa de "socializar o patrimonio", Cultureume solicitou tamén a colaboración da Universidade de Santiago para dispoñer dos obxectos aparecidos nas primeiras prospeccións que se realizaron nas Pontes no ano 1893, e nas que apareceron os vasos campaniformes —un deles converteuse no agasallo institucional do Concello das Pontes— e un enxoval metálico —un puñal e puntas de frecha de cobre—.

Na mesma liña, a entidade de xestión integral do patrimonio cultural tamén contou coa colaboración do Museo Arqueolóxico Castelo de San Antón da Coruña para poder dispoñer dos obxectos exhumados nas sondaxes do xacemento romano do Chamoselo e nas escavacións das medoñas da Mourela, realizadas por Federico Maciñeira a finais do século XIX.

A exposición está articulada en catro grandes bloques temáticos. Inicia o seu percorrido histórico nas medoñas do Neolítico, hai aproximadamente 8.000 anos, momento no que as sociedades humanas comezaban a construír poboados estables debido ao desenvolvemento da agricultura e da gandería e nas que a tecnoloxía para a elaboración de ferramentas experimentaba un avance co pulido da pedra.

A mostra está artellada en catro grandes bloques temáticos: Neolítico, Calcolítico, Idade dos Metais e finais do Imperio Romano

Obxectos que se poden ver nas vitrinas. EP
Pezas que se poden ver nas vitrinas. EP

A exposición vai avanzando para chegar ao Calcolítico, período marcado pola arquitectura monumental, con sepulturas prehistóricas entre as que destacan as tumbas asociadas ao fenómeno campaniforme. E desta á Idade dos Metais, un tempo que deu lugar á cultura galaica que se mostra a través de restos de cerámica para uso de cociña, un fuso para a fía da lá ou un muíño circular.

A última parada achegará aos visitantes aos vestixios deixados polas habitantes que viviron na confluencia dos ríos Eume e Chamoselo a finais do Imperio Romano, a través de tellas que cubrían edificacións e restos de cerámica de mesa ou unha ánfora.

Entre as pezas, explican desde o Concello pontés, destacan "tégulas decoradas, fragmentos de sigillata e de cerámica común do xacemento romano do Chamoselo, aixolas de seixo, lascas e raspadeira do xacemento da Mourela, así como adornos persoais elaborados en pedra pulida, un vaso campaniforme, un enxoval de cobre e cerámica galaica de mesa".

O local do mercado municipal, escenario da exposición
A exposición Man a man, que foi inaugurada a finais do pasado mes de xullo ante a atenta mirada dunha vintena de veciños e curiosos e que contou coas explicacións do técnico en xestión do patrimonio Lois Gómez, poderá visitarse ata o vindeiro 15 de outubro no primeiro andar do mercado municipal das Pontes. A iniciativa, levada a cabo por Cultureume, conta coa estreita colaboración do Concello.

Cita previa
Precisamente desde a área de Turismo explican que para descubrir e adentrarse na historia máis remota da vila será necesario concertar cita previa. Os interesados en descubrir máis detalles sobre esta mostra, na que hai expostas numerosas pezas arqueolóxicas, deberán chamar ao teléfono 673.24.04.34 ou ben enviar un correo electrónico a [email protected].