Memorias en papel e poesía

Elvira Cereijo, veciña da parroquia begontesa de Gaibor, vén de autoeditar a súa ópera prima, No tempo da cinza, un poemario que recolle as vivencias cos seus avós maternos
Elvira Cereijo. EP
photo_camera Elvira Cereijo, coa súa obra. EP

Darlle unha nova vida aos recordos da súa vida e da súa familia foi o que moveu a Elvira Cereijo, unha veciña de Gaibor, en Begonte, que acaba de ensinar ao mundo a súa primeira obra.

No tempo da cinza é a recompilación da vida dos seus avós maternos, da parroquia vilalbesa de Santaballa, e por extensión, "a vida do campo naqueles anos", di a autora de 60 poemas curtos que dan forma a algo semellante a unha máquina do tempo.

Entre liñas e letras, Elvira relata historias como a da peza A mendiga, protagonizada pola súa avoa María nos tempos de posguerra, cando a fame apretaba e ela se vía obrigada a saír a pedir algo para comer. "Miña nai amarrouse a ela e empezou a chorar, así que a avoa volveu á casa e foi aguantando como puido", recorda a begontesa. E ese é o poema co que se queda.

A obra recolle 60 poemas curtos que son coma unha máquina do tempo

Para escribir toda a obra non lle resultou difícil. "As cousas saían soas", di a recén estreada escritora, aproveitando unha baixa por enfermidade que lle deu o tempo que antes non tiña. Foi o pulo que precisaba, porque o material xa o tiña, ademais dos ánimos da súa filla Ángela e do seu home José Luis para dar o paso e autoeditar No tempo da cinza.

Segundo afirma Elvira, o libro que homenaxea a María Fernández e ao seu home, David Arias, busca que quen o lea pase "un ratiño agradable" e que lle faga "recordar o bonita que é a vida na aldea". Para poder facerse con el, os interesados poden achegarse ás librarías Pergamino de Vilalba, La Voz de la Verdad de Lugo, e Arbelos de Rábade e de Cospeito, onde os estará agardando a escolma do seu pasado.

O libro pode atoparse nas librerías Pergamino de Vilalba, La Voz de la Verdad de Lugo e en Arbelos de Cospeito e de Rábade

Para chegar á publicación da obra, dende adolescente foi escribindo "todo canto se me ocorría, dende sempre" e foise empapando da literatura de Manuel María, de novela histórica e "de moitos libros en galego, para familiarizarme máis coa lingua", apunta unha muller que xa ten en mente o seguinte proxecto. Del avanza que non versará sobre a mesma temática, aínda que "non hai nada definido".

Polo momento, tócalle saborear o froito de anos de colleita ao tempo que anima a aqueles autores primeirizos que non se atreven a publicar a que "dean o paso" de facelo, conclúe.

Comentarios