Unha vertedura de xurro afecta á auga de catro parroquias de Castro de Rei

O Concello recomenda non consumir da traída municipal ata polo menos o martes 26 â?? O derrame foi xunto á captación de Ramil, que abastece a Azúmara, Balmonte e Goberno
undefined
photo_camera Troitas mortas no Azúmara. EP

O Concello Castro de Rei emitiu un bando onte para informar á poboación da limitación da subministración da traída municipal de auga tras producirse unha vertedura de xurro ao río Azúmara na tarde do pasado xoves.

Por iso, desde o goberno municipal recomendan non consumir auga da traída durante un período de cinco días, ata o vindeiro martes, nas parroquias de Ramil, Azúmara, Balmonte e San Martiño de Goberno, xa que a vertedura tivo lugar nas inmediacións da captación de auga que abastece ás citadas parroquias, situada en Ramil.

"Este é un tema grave, porque botar xurro nunha captación de auga pode ter consecuencias importantes. Estivo o Seprona na zona solicitando datos", explicou o alcalde, Francisco Balado, que incidiu que o que está restrinxido é o consumo, mentres que si se poderá usar a auga para regar, limpar ou o gando.

Engadiu que se fixaron cinco días de prazo para seguir esta recomendación para "ver se neste tempo dáse limpado a auga". Para iso, desde o Concello está a intentarse eliminar a vertedura sen cortar a subministración, "poñendo a filtrar a auga dá captación máis veces do normal", segundo explicou Balado.

Antes de levantar a recomendación de non consumir a auga da traída realizarase unha analítica para comprobar que é apta. "Xa se fan análises periódicas, pero isto é unha circunstancia extraordinaria", afirmou.

As restricións no abastecemento non son as únicas consecuencias desta vertedura de xurro, xa que tamén produciu mortaldade de troitas, a cal aínda está pendente de cuantificar, tal e como explicou o rexedor de Castro de Rei, que apuntou que se podían ver varios exemplares sen vida en distintas zonas do río.

Comentarios