lunes. 25.01.2021 |
El tiempo
lunes. 25.01.2021
El tiempo

Paula López: "Camioneiros e obreiros comen o menú nos seus coches"

Paula López, preparando dous menús do día para levar. M. ROCA
Paula López, preparando dous menús do día para levar. M. ROCA
A hostalería vilalbesa, é a única da provincia na que seguirá sen poder consumirse no interior

Se hai algo que mantén á boia, incluso nas circunstancias máis complicadas, á hostalería eses son as súas clientes máis fieis. Por iso non hai peches ou restricións que acaben con ese vínculo, polo que os hostaleiros loitan cada día.

Esa loita é aínda difícil en Vilalba, único concello da provincia de Lugo que segue no nivel máximo de alerta e coas restricións máis duras, aínda incluso na recentemente anunciada desescalada, xa que o consumo no interior dos locais seguirá sen estar permitido —si nas terrazas, ao 50% ata as 17.00 horas—.

Por iso, hai establecementos como locais nos que a súa única opción para tratar de saír adiante é encomendarse a esa clientela de sempre e preparar comida para levar, como no restaurante Naseiro, de Santaballa.

Aquí, por semana, cada día reparten entre 20 e 25 menús do día —que cambian cada xornada e publican no seu perfil de Facebook e mandan por WhatsApp— a xente "que viña habitualmente a comer", explica Paula López, mentres entrega un menú a un deses comensais de sempre, un camioneiro que comerá no seu vehículo, como outros que xa o están facendo no aparcadoiro.

As restricións só na hostalería non creo que arranxen moito e isto animicamente empeza a facer madeixa

"Veñen principalmente traballadores, obreiros e camioneiros, que collen o menú e cómeno nas súas furgonetas e camións", relata Paula, á vez que recoñece que dubida en montar a terraza. "Igual pomos un par de mesas por se alguén prefire comer aí máis cómodo, pero co tempo que dan non creo que sexa a solución". 

Neste sentido, cre que a maioría dos hostaleiros vilalbeses non se van a expor abrir as súas terrazas porque "hai poucos bares que teñan unha que a poidan traballar ben e lles compense". 

Os fins de semana venden churrasco ou paella para comer en casa, "pero pouco, porque a xente non se pode xuntar" e tamén teñen clientes que, para comprar o número da casa da lotería de Nadal, levan un café.

Mentres as restricións na hostalería continúan, con medidas coas que "non creo que se arranxe gran cousa", e a situación "empeza a facer madeixa animicamente porque parece que xa non ten fin", os hostaleiros seguirán ao pé do canón ata onde lles deixen. "Facémolo porque hai clientes que levan toda a vida connosco e xa que están aí, nós estar tamén", di Paula.

Paula López: "Camioneiros e obreiros comen o menú nos seus coches"
comentarios