Vender un vehículo e comprar un cabalo, argumentos para desprazarse

Tres persoas que circulaban en dous coches pola AG-64 cara a Vilalba xustificáronse así ante Tráfico nun control en Xermade. Un dos condutores carecía ademais de carné de conducir
Control en la autovía Ferrol-Vilalba. EP
photo_camera Control na autovía Ferrol-Vilalba. EP

Tiveron que desprazarse porque tiñan que ir a Cospeito para vender un dos dous vehículos nos que circulaban e despois tiñan previsto dirixirse tamén a Vilalba, onde pensaban comprar un cabalo. Esta foi a explicación que ofreceron aos axentes, “de forma coincidente e cando menos sorpresiva”, os tres ocupantes de dous vehículos que foron interceptados pola Garda Civil cando circulaban polo municipio de Xermade, á altura do quilómetro 41 da autovía AG-64, que une Ferrol con Vilalba.

Ao redor das 13.00 horas do pasado sábado, nun control rutineiro que as forzas de seguridade realizan para garantir que se cumpran as restricións á mobilidade establecidas polo estado de alarma, procedeuse a identificar aos ocupantes de dous coches que circulaban en sentido Vilalba. Nun dos turismos ía só o condutor, pero no outro viaxaban dúas persoas, co acompañante sentado no asento dianteiro.

Ao interesarse os axentes do subsector de Tráfico de Lugo polas razóns do seu desprazamento, todo eles ofreceron a mesma explicación xa citada, xustificacións que, tal e como aclaran desde a Garda Civil, “non se atopan dentro das excepcións á mobilidade reguladas na normativa en vigor”. Por iso, procedeuse á identificación das tres persoas, informándolles ademais das propostas de sanción, “ao considerar que a súa conduta podería ser constitutiva dunha infracción”.

Por outra banda, ao contrastar os datos facilitados por ambos os condutores, os axentes puideron comprobar tamén que un deles, un home de 39 anos de idade e veciño de Ferrol, carecía de permiso de condución de vehículos a motor. Segundo detalla a Garda Civil, constaba “unha perda de vixencia administrativa do mesmo desde o pasado ano 2016, sen realizar o preceptivo curso de recuperación de puntos”.

Ante esta circunstancia, procedeuse a instruír dilixencias para investigar a este condutor como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria, “un ilícito penal que pode carrexar penas de prisión de ata seis meses”, precisan desde a agrupación de Tráfico. Estes feitos tamén foron postos en coñecemento do Xulgado de Instrución de Vilalba, que estaba de garda.

Comentarios