Veciños de Muimenta critican que levan un mes sen teléfono

O PSOE urxe á empresa que solucione un problema que afecta a unha decena de vivendas nas que reside maioritariamente xente maior
Poste caído en Muimenta. EP
photo_camera Poste caído en Muimenta. EP

Os veciños de Muimenta denuncian que unha decena de vivendas están sen teléfono e sen internet desde hai aproximadamente un mes, desde que caeu un poste da liña, que máis de 30 días despois segue sen recolocarse. 

"Un camión tirou un poste do cableado e ninguén fai nada, solicitamos a quen competa ou arranxo inmediato para dar solución a este problema", expresou a portavoz do PSOE de Cospeito, Rosa Morán, que criticou a situación de "desamparo" destes veciños de Muimenta ao tempo en que incidiu en que, entre os afectados, hai moitas persoas maiores.

"Necesitan do teléfono para non estar incomunicados por se tiveran algunha urxencia", engadiu Morán, que falou de falta de consideración por parte da compañía telefónica ao non ofrecer ningunha solución "a pesar de que os veciños chamaran en varias ocasións advertindo que estaban sen liña".

A portavoz socialista, ademais, tamén aproveitou para urxir ao Concello a recolocación dun foco da iluminación pública, que "segue sen repoñerse dende que caeu".

Comentarios