Os veciños da Pastoriza reclaman unha reunión con Almuíña polos recortes sanitarios

As asociacións denuncian que o Centro de Saúde pasou nos últimos anos de ter catro médicos a "tan só dous na actualidade"
Centro de Saúde da Pastoriza. AEP
photo_camera Centro de Saúde da Pastoriza. AEP

O cinco presidentes doutras tantas asociacións veciñais do municipio lucense da Pastoriza, concretamente das parroquias de Úbeda, Lagoa, Álvare, Reigosa e Rigueira, remitíronlle unha carta ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para solicitarlle unha reunión ante a perda de servizos sanitarios no concello.

Segundo informaron estes colectivos nun comunicado, "no Centro de Saúde da Pastoriza produciuse nos últimos anos un descenso acusado no número de profesionais sanitarios, ao pasar de catro médicos a tan só dous na actualidade", o que derivou "nunha perda importante da calidade asistencial que recibe a poboación".

"Hai dous anos vimos reducido o número de médicos de familia, de catro a tres, e agora, tras a xubilación este verán dun dos facultativos", esa praza "non foi cuberta de maneira permanente", sinalan.

Ademais, os presidentes destas asociacións queren tratar tamén co conselleiro a perda doutros servizos de Atención Primaria, porque á falta de médicos de Familia súmanse os problemas existentes coa "atención pediátrica" e co "servizo de Urxencias da PAC de Meira".

"No municipio da Pastoriza contamos cun servizo de Pediatría compartido co Concello de Meira, de modo que o facultativo está dous días no da Pastoriza e tres no de Meira, pero cando o pediatra titular colle vacacións ou está de baixa, a praza queda descuberta" e os pais teñen que levar a consulta aos seus fillos a Vilalba.

Por outra banda, como os veciños de Meira, A Pastoriza, Ribeira de Piquín, Pol e A Pontenova comparten a PAC do centro de saúde de Meira, onde hai un ATS e un médico de garda, cando hai "unha urxencia" e ese equipo tense que desprazar "a aldeas apartadas", o servizo queda "descuberto"

Comentarios