Os veciños capturaron 7.000 velutinas en Vilalba en 2020 con 450 trampas

A asociación apícola Serra da Carba e o Concello colaboraron por segundo ano nun plan de loita contra unha especie invasora que ofrece cada vez mellores resultados, pese á pandemia
Primeiros exemplares capturados. EP
photo_camera Primeiros exemplares capturados. EP
A asociación apícola Serra da Carba de Vilalba e o Concello colaboraron por segundo ano consecutivo nun plan de loita contra a vespa velutina a través do que os veciños capturaron 7.000 exemplares desta especie invasora en 2020.

"Trampeando dende a asociación levamos catro anos, pero coa colaboración do Concello o ano pasado foi o segundo que o fixemos", explican dende o colectivo apícola vilalbés, ao tempo que resaltan que os resultados son "moi positivos" e que se están a "recoller os froitos do traballo".

"Ata 2019 a presenza de niños ía a máis, pero a partir deste parece que hai menos, sobre todo nas parroquias nas que se colocaron máis trampas", valora Iván Díaz, o responsable de Serra da Carba, que indica que en 2017 se retiraron uns 100 niños, que superaron os 400 en 2018 e non chegaron a 100 en 2019.

"Os resultados tamén os vemos no trampeo, porque en parroquias onde se colocaron outros anos moitas trampas, como San Simón, capturáronse moitos menos exemplares en 2020", indica Díaz, que explica que nesta parroquia recolleron máis de 2.000 velutinas en 2019, e non chegaron a 1.000 o ano pasado.

A través do plan de trampeo conxunto, a asociación encárgase de organizar charlas polas parroquias –houbo unha decena no mes de febreiro– e o Concello facilita aos veciños que participan as trampas e o atraente para colocalas.

En 2020 incrementouse o número de persoas que trampearon, que pasou das 100 de 2019 ás 150, e colocáronse de 450 trampas.

"O material entregouse o sábado antes do confinamento, en marzo, e pese ao tema do covid incrementouse o número de velutinas que capturamos, aínda que se non fora pola pandemia probablemente a cifra sería máis alta", explican, ao tempo que remarcan que o distanciamento social -noutras ocasións uns veciños levaban trampas para outros- e as restricións á mobilidade dificultaron a colocación de trampas nalgúns lugares afastados.

En 2020, aparte da xente que participou a título individual, colaboraron con Serra da Carba as asociacións veciñais de Belesar, Corbelle, Árbol, Nete, A Torre e Santaballa.

ESTUDO. Ademais das trampas e do atraente, a cada participante entrégaselle unha ficha para cubrir co número de velutinas capturadas, a data e o tipo de soporte que se utiliza e, pasada a tempada, recóllese todo. As trampas son reutilizables para os próximos anos e as fichas serven para facer un estudo. "O obxectivo é ter un control", di Díaz, que indica que dende que se repartiu o material a mediados de marzo ata o 15 de maio foron os meses de maiores capturas, xa que se recolleron unhas 6.000 raíñas. Ata o 1 de xuño caeron outras 1.000.

No estudo tamén se demostra que os mellores soportes para as trampas son, aparte dos apiarios e as froiteiras en flor, as camelias e os rododendros.

Comentarios