Veciños de Vilarente protestan pola paralización dunhas obras

A firma adxudicataria, que realizaba melloras nun viario, entrou en concurso de acredores e non finalizou os traballos

Un grupo de veciños da parroquia abadinesa de Vilarente mostrouse moi molesto ante a paralización dunhas obras que se estaban executando na estrada provincial LU-P-0102, e cuxa empresa adxudicataria non chegou a terminar ao entrar en concurso de acredores.

"As obras atópanse paralizadas desde a segunda semana do mes de decembro e non teñen visos de reiniciarse", aseguran os veciños, que recordan que o proxecto, que foi anunciado por Manuel Martínez en 2015 e licitado un ano despois, incluía o ensanchado do viario, unha modificación do trazado e a construción dunha ponte, que enlazaría coa mesma estrada xa no municipio da Pastoriza.

"Que as obras estean paradas crea unha serie de dificultades para o noso desprazamento rutineiro", denuncian os veciños, facendo fincapé en que tampouco se efectuou "nin un só mantemento en todo o inverno", agravándose aínda máis o estado de deterioración do viario.

"Fomos os propios veciños os que tivemos que tornar as escorrentías das augas e tapar as fochancas do vello asfalto, xa que ata o mes de maio ninguén se acudiu nin se fixo responsable do seu mantemento", critican os afectados.

Ante esta situación, piden ás administracións das que depende a obra que lles dean unha solución canto antes.

Comentarios