As vacas están na aula da granxa experimental do Campus Terra en Castro de Rei

Gayoso Castro é un "laboratorio vivo" para os estudantes de Veterinaria do Campus Terra da USC , que completan a súa aprendizaxe entre o centro de recría e a granxa experimental
Un dos grupos de estudantes de segundo de Veterinaria que participan nas sesións formativas que se imparten nas distintas instalacións da Granxa Gayoso Castro. USC
photo_camera Un dos grupos de estudantes de segundo de Veterinaria que participan nas sesións formativas que se imparten nas distintas instalacións da Granxa Gayoso Castro. USC

No país do millón de vacas, saber como atendelas, e non só cando están enfermas, antóllase clave. E para aprender a facelo, nada mellor que que sexa en contacto directo cos animais en cuestión. É aí onde a Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC e a Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, tenderon unha ponte que non fixo máis que asentar os seus piares co paso do tempo, convertendo o centro de recría e a nova granxa experimental de Castro de Ribeiras de Lea nunha aula máis.

"É un laboratorio vivo no que o alumnado avanza no seu proceso de aprendizaxe de forma práctica, ao tempo que afonda no seu coñecemento do traballo cotián dos gandeiros e conecta coa realidade do sector", apuntan dende a USC, destacando o feito de que dispor destas instalacións para usos de docencia e investigación "representa un activo importante".

"A vaca, nas súas distintas etapas e procesos vitais, constitúe un animal pouco menos que omnipresente na travesía académica dos futuros veterinarios", engaden dende Veterinaria, cuxos estudantes se trasladan con regularidade de Lugo a Castro para testar e pór en práctica "coñecementos de sanidade, saúde, alimentación, produción e reprodución animal", entre outros parámetros.

Así, os futuros veterinarios poden familiarizarse con aspectos coma a recepción do gando, a distribución en lotes, a hixiene, a alimentación, os controis de crecemento, a reproducción ou os programas sanitarios que se seguen no centro de recría público, operativo dende xuño de 2018.

E na nova granxa experimental, inaugurada hai un ano, achéganse a particularidades coma as características, os equipamentos ou as dimensións que se requiren nunha explotación gandeira para mellorar o confort das vacas, atendendo a aspectos tan diversos coma a ventilación, a iluminación, a temperatura, a limpeza ou as dimensións dos cubículos.

Nestas instalacións poden igualmente facer prácticas de laboratorio para "analizar mostras de leite e costros de vacún leiteiro", explican, buscando ofrecerlle ao alumnado a formación máis ampla posible.

Ignacio García Lara e Ramiro Fouz, profesores da área de Produción Animal, precisan que as sesións impartidas en Castro son "prácticas e activas", tal e como xa experimentaron no que vai de curso uns 120 estudantes de segundo, que poideron coñecer de primeira man "o manexo dos animais e o proceso de recría de xovencas de vacun de leite", guiados pola veterinaria Noelia Mourazos e por Rogelio Grille, director dun centro de recría que acubilla 2.350 reses (94% de ocupación) que entran con apenas 15 días de vida e saen cuns dous anos e próximas ao parto.

Comentarios