martes. 20.08.2019 |
El tiempo
martes. 20.08.2019
El tiempo

A USC impulsa na granxa Gayoso Castro unha parcela experimental

Visita dos investigadores á leira Gayoso Castro. EP
Visita dos investigadores á leira Gayoso Castro. EP

Investigadores da Politécnica estudarán o potencial forraxeiro de catro leguminosas para o seu emprego en alimentación animal

Varios investigadores do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela, na Escola Politécnica Superior de Lugo, empregarán unha leira da granxa Gayoso Castro, de Castro de Ribeiras de Lea, como parcela experimental. Os integrantes do proxecto visitaron os terreos xunto ao director da granxa, Miguel Ángel Fernández, e a empresa de asesoría ambiental e teledetección 3edata.

Alí desenvolverán os ensaios sobre os "efectos agronómicos e nutricionais" de catro especies de leguminosas perennes, que comezarán a sementar "en setembro ou outubro", indican desde a USC. O obxectivo será testar "a súa aptitude forraxeira" para emprego en alimentación animal, sobre todo para gando vacún de leite, e para facer o seguimento da evolución dos cultivos o grupo de investigadores empregará drones.

Esta actividade está ligada á posta en marcha da granxa experimental do Campus Terra da USC, que prevén implantar en Gayoso Castro. Alí desenvolveranse actividades de docencia e de I+D+i, ademais de servir "como centro de demostración, experimentación e innovación", apuntan desde a universidade. Así mesmo, estes futuros terreos experimentais do campus formarán parte do proxecto de innovación europeo SmartAgriHubs, liderado pola Universidade de Wageningen, nos Países Baixos.

A USC impulsa na granxa Gayoso Castro unha parcela experimental
Comentarios