domingo. 05.12.2021 |
El tiempo
domingo. 05.12.2021
El tiempo

RECUNCHOS A DESCUBRIR

Igrexa de Vilarente: unidos nun cómaro verde de vida infinda

Igrexa de Vilarente. C.PÉREZ
Igrexa de Vilarente. C.PÉREZ
O templo abadinés é un punto de encontro para os veciños da zona nas misas quincenais, nas festas, no Entroido...
O lugar
Á igrexa de San Xoán pódese chegar dende Moncelos, deixando a LU-113 e subindo pola estrada que pasa onda o antigo colexio, ou dende a LU-P-0102, collendo o desvío que está fronte á casa natal de Aquilino Iglesia Alvariño.
Celebración
As misas, por cuestións organizativas, celébranse os venres cada 15 días, dúas veces na igrexa e a terceira na capela de Santa Margarida, para logo volver comezar o ciclo.
Coidado
A asociación de veciños encárgase da conservación da zona, na que promoveu diversas melloras.

Igrexa de Vilarente. C.PÉREZ

Aí, debaixo da terra, está a historia. A dos vellos moradores castrexos que unha vez poboaron as terras de Vilarente. Dous mil anos despois, un deses cómaros verdes que inmortalizou Aquilino Iglesia Alvariño segue a custodiar a vida, a terreal e a celestial, dos veciños do poeta. 

A histórica igrexa é un punto de encontro veciñal. Nas misas quincenais e nas citas que se celebran ao seu carón: as festas parroquiais, as comidas veciñais e ata o pagán Entroido, deixando o silencio cotián un oco para as conversas, para as risas e, de cando en vez, tamén para o pranto. É lei de vida. 

Cemiterio de Vilarente. C.PÉREZ

O templo na honra a San Xoán, o centenario cemiterio ao que se lle foron sumando fases, o campo da festa, os vellos castiñeiros, o antigo cristo de altura minguada, recolocado logo da Guerra Civil, e ese novo palco da música que veu substituír unha vella estrutura de similar cometido, conforman un conxunto que o visitante se atopa case de xeito inesperado, a recompensa ao final da subida, aínda que para os veciños estea integrado na súa paisaxe diaria. 

E quizais uns e outros, logo de (re)descubrir este cómaro, poidan sentir un anaquiño da inspiración creadora de versos: "Desde entón xa non foi máis que un ledo poeta da súa terra".

Cruz en Vilarente. C.PÉREZ

Igrexa de Vilarente: unidos nun cómaro verde de vida infinda
comentarios