A Uned Sénior pontesa dispón de 50 prazas no seu segundo curso

Os interesados en inscribirse poderán facelo ata o día 20 no Ippec ou na sede da universidade
photo_camera Inauguración do curso pasado da Uned Sénior pontesa. AEP

A Uned Sénior das Pontes ofertará 50 prazas no seu segundo curso, que se desenvolverá desde finais deste mes e ata marzo, e que estará dirixido a alumnos maiores de 50 anos.

Así o confirmaron este venres na presentación que se celebrou no salón de plenos do consistorio pontés, e na que interviñeron as concelleiras Tania Pardo e Lorena Tenreiro, ademais da vicedirectora da Universidade de A Coruña (UDC), Nancy Vázquez, e a directora da Uned Sénior, Matilde García.

Durante a presentación, explicaron que a formación se dividirá en tres módulos. O primeiro versará sobre Patrimonio Social e Cultural, coas materias de Patrimonio Arquitectónico de Galicia e Lingua e literatura galega, impartidas por Álvaro Igrexas Maceiras e Xoán López Viñas.

O segundo centrarase no Medio Ambiente e Sustentabilidade, con clases de enxeñería e tecnoloxía ambiental e ciencia e vida, a cargo de Manuel Soto e Jaime Fagúndez.

O último módulo será o de Saúde e Calidade de Vida, con formación sobre neurociencia e educación para a saúde desde o exercicio terapéutico, que impartirán Carme de Labra e Isabel Raposo.

Ademais da formación teórica, os asistentes poderán participar en visitas e sesións prácticas. O prazo para inscribirse estará aberto ata o día 20 no Ippec e na sede da universidade.

Comentarios