Un Nadal en Igualdade que mola

O Ceip Terra Chá da parroquia vilalbesa de Román organizou un programa de actos navideños centrados na igualdade que incluíu a visita de Daniel Irimia, protagonista do último anuncio de Gadis.
Daniel Irimia, asinando autógrafos no Ceip Terra Chá de Román. EP
photo_camera Daniel Irimia, asinando autógrafos no Ceip Terra Chá de Román. EP

"Propuxéronme vir dar unha charla sobre igualdade ao saír no anuncio, porque todos os nenos din ser galego mola", explica o mozo focense Daniel Irimia logo de compartir un anaco cos escolares do Ceip Terra Chá, un pequeno centro rural da parroquia vilalbesa de Román onde idearon o programa Nadal en Igualdade.

"Trouxen un xogo cun guiño ao anuncio, con personalidades galegas que molan" explica sobre unha actividade que perseguía rachar cos estereotipos da maneira máis sinxela. Amosaba unha foto dun home ou dunha muller e daba opcións para adiviñar a que se dedicaban, e así facer conscientes aos pequenos dos estereotipos. Tamén os animou a colaborar todos nas tarefas do fogar, sen distincións de xénero, e tentou transmitirlles a mensaxe de que "cada quen se pode dedicar ao que queira". 

Daniel marchou de Román impresionado pola "acollida tremenda" que lle brindaron os nenos e nenas. "Sentinme coma na casa, foi unha experiencia incrible" explica agradecido ante un público entregado que, por suposto, se sabía de memoria o último e exitoso anuncio do Gadis.  

Ademais dos xogos compartidos con Daniel Irimia, onde non faltou tampouco a sesión de fotos e autógrafos, os estudantes do Ceip Terra Chá visionaron varias películas, participaron nun obradoiro de igualdade a cargo do centro vilalbés Mondo, visitaron o belén de Begonte e recibiron a visita de Papá Noel, grazas a colaboración do asociación Cultural e Deportiva de Árbol.

Comentarios