Un mar de signos musicais

Máis dunha trintena de alumnos de Eso do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, dirixidos por Sandra Tenreiro, elaboraron un vídeo musical inspirado no Pergamiño Vindel

Participantes no proxecto creativo ao redor do Pergamiño Vindel
photo_camera Participantes no proxecto creativo ao redor do Pergamiño Vindel. EP

Un concurso convocado pola Xunta para darlle difusión á exposición do Pergamiño Vindel foi todo o que necesitaron como pulo no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz para crear unha peza musical co seu correspondente videoclip. 'Da cantora madan Agi' é o título escollido, un xogo de letras a partir de Cantiga da Namorada, que é precisamente o que eles tentaron compoñer.

"Vimos que se convocaba o certame e pareceunos interesante para promocionar o pergamiño e a literatura galaicoportuguesa" explica a profesora de Música do centro, Sandra Tenreiro, coordinadora do proxecto. Buscou voluntarios e a resposta foi máis que aceptable. Uns 35 alumnos de segundo a cuarto da Eso prestaron o seu tempo e o seu talento para tender unha ponte entre o século XIII e o XXI.

O proxecto do instituto guitiricense respecta o estilo das cantigas medievais nas que está inspirado

"Estoitamos versións das cantigas de amigo de Martín Codax e pensamos en facer unha nova versión máis actual, pero respectando a harmonía medieval" apunta Sandra, que aclara que quixeron fuxir de ritmos máis modernos, coma o rap ou hip hop, para preservar a esencia das sete cantigas que recolle o Vindel ás que se lle rende tributo.

O tema elixido foi o mar, unha realidade a priori descoñecida para os rapaces dunha vila do interior, mais que "fixo reflexionar aos alumnos" sobre a sociedade actual e os pobos mariñeiros. O traballo suma aínda outro ingrediente, quizais o máis relevante para Sandra: a atención á diversidade. E é que a letra da súa cantiga está interpretada en linguaxe de signos no videoclip.

No vídeo, a cantiga está interpretada en linguaxe de signos e subtitulada

"As mulleres da terra que agardan mirando ao mar/ondas do mar de Vigo, se vistes meu amigo?" cantan os rapaces nun dos versos, fusionando na súa composición un drama que segue a marcar a realidade de moitas familias da costa coa historia do propio pergamiño Vindel.

Este tesouro medieval, perdido durante séculos e que recibe o seu nome en recordo de Pedro Vindel, comerciante de libros antigos que o atopou en 1914, exponse temporalmente no Museo do Mar de Vigo, cedido pola Biblioteca Museo Morgan de Nova York.

"Creo que foi un traballo moi bo, onde os rapaces se implicaron moito, cantaron, tocaron, gravaron...", resume Sandra Tenreiro, que adoita impulsar este tipo de proxectos para completar a formación do alumnado nun instituto coñecido tamén pola súa implicación co contexto que o rodea.

Esta vez non gañaron o premio, unha viaxe a Vigo para ver o Vindel, aínda que quizais a mellor recompensa xa fora o traballo en si.

Comentarios