O TSXG tomba o despedimento dun vilalbés que asinou a baixa voluntaria sen sabelo

O empregado dunha gasolineira rubricou o documento entre unha chea de papeis enganado polo novo propietario do negocio
Sede del TSXG. AG
photo_camera Sede do TSXG. AG

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou improcedente o despedimento do encargado dunha gasolineira situada en Vilalba que asinou a baixa voluntaria sen ser consciente de que estaba a aceptar o seu cesamento. O alto tribunal ratifica así o fallo emitido en marzo polo xulgado do Social número 1 de Lugo, que obrigaba á empresa a readmitir ao traballador ou a indemnizalo pola rescisión do seu contrato. O propietario da estación de servizo recorreu esa decisión, pero o TSXG dálle a razón ao empregado apoiándose no seu propio testemuño e no de tres extrabajadores cesados tamén como baixa voluntaria. 

O afectado levaba máis de 14 anos empregado na gasolineira cando a finais de xuño de 2018 presentou unha baixa por incapacidade temporal. Apenas unha semana despois recibiu unha mensaxe no seu teléfono móbil da Seguridade Social no que se lle informaba, para a súa sorpresa, de que a empresa o deu de baixa dous días despois de comunicar a incapacidade temporal. No xuízo, o propietario —que se fixo co negocio ese mesmo ano achegou un documento asinado polo traballador no que se acordaba a baixa voluntaria por motivos persoais. Este recoñeceu que era a súa rúbrica, pero asegurou que non sabía que estaba a aceptar a súa saída. Na súa sentenza, o TSXG apóiase no testemuño do propio demandante e dos extrabajadores da gasolineira de Martiñán —na estrada N-634—, cesados os catro por baixa voluntaria. Referendaron a súa saída sen sabelo, entre unha chea de papeis que a empresa lles deu a asinar alegando que era pola protección de datos.

O relevante da resolución da Sala do Social é que establece que un documento que a priori ampara unha baixa voluntaria coa firma do traballador pode quedar en papel mollado se a contundencia doutras probas —neste caso a testifical, xunto co interrogatario ao empresario e o documental practicada— demostran que "nunca existiu ese consentimento, senón que foi obtido mediante engano ou fraude". Así o explica o avogado do traballador, o mindoniense Luís Rego, que apunta ademais á incongruencia de que o empregado firme a baixa voluntaria no seu posto cando está nunha baixa médica.

IMPACTO. Tras gañar a batalla, o traballador non poderá reincorporarse ao seu posto de encargado na gasolineira porque despois de que estalase o conflito laboral foille recoñecida unha situación de incapacidade permanente total. Por iso, ao que era o seu xefe non queda máis opción de abonarlle unha indemnización por despedimento. A pesar de que este tipo de fraudes empresariais non son habituais, o contido da sentenza contribúe a que non se estendan.

Comentarios