Unha trintena de autocaravanas inauguran a área de Muras

Os visitantes destacaron o entorno "espectacular" e "paradisiaco" do Viveiró 

Autocaravanistas na inauguración da nova área de Muras, no Viveiró. EP
photo_camera Autocaravanistas na inauguración da nova área de Muras, no Viveiró. EP

Unha trintena de autocaravanas chegaron este domingo ao Viveiró, en Muras, para estrear a nova área impulsada dende o Concello co obxectivo de dinamizar e atraer turismo á zona.

Os visitantes, membros da Asociación Galega de Autocaravanistas, chegados principalmente de Galicia pero tamén doutros lugares como Toledo ou Ponferrada, destacaron o entorno deste novo espazo,  ubicado nas inmediacións da antiga unitaria do Viveiró.

"La zona está muy bien, la ubicación es espectacular. Es un entorno paradisiaco y un buen lugar para  relajarse o practicar senderismo", expresou Sindo López, da directiva da asociación. As instalacións  nesta nova área de autocaravanas do Viveiró, que contan cun xardín, merendeiro e aseos públicos,  ademais de zona de vaciado de augas negras, reforzaranse cun párking na área recreativa da Veiga, na capitalidade de Muras, onde os vehículos tamén poderán facer parada.

O programa da inauguración, no que estiveron presentes o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, e o  tenente de alcalde, Mario Rouco, contou con varias actividades. As primeiras caravanas chegaron  dende primeira hora da mañá e ás 10.30 horas realizouse a apertura oficial das instalacións.

Ás 12.00 horas, un grupo de autocaravanistas participaron nunha vista guiada polos cruceiros do  municipio, da man de Mario Saavedra, do Grupo Carboeira, que repetiu excursión con outro grupo  diferente pola tarde. Para hoxe está prevista outra saída guiada pola Ruta do Xistral, da man de José Areás. 

Comentarios