Trampolín de amor en versos

Escribe dende sempre pero nunca se presentara a un certame literario ata participar na sétima edición de Lingua de Namorar que promove a Xunta. Entre os 600 participantes, la pontesa Irea Cendán quedou segunda, unha posición que a anima a seguir.  

Irea Cendán. C.ARIAS
photo_camera Irea Cendán. C.ARIAS

Ás veces as cousas importantes chegan case por casualidade, sen prestarlles moita atención, sen pararse a pensar. E o que podía ser unha anécdota sen máis convértese nun pulo para soñar. A pontesa Irea Cendán, de 14 anos, acaba de gañar un dos premios da sétima edición do certame de mensaxes de amor en galego Lingua de Namorar, que promoven as consellerías de Cultura e Turismo e de Política Social, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. O galardón, que recibiu con "sorpresa", converteuse nun trampolín de amor en versos para coller "impulso para seguir competindo en certames" e unir máis letras de cara a conseguir un reto, "acabar algunha vez de escribir un libro, aínda que este sexa pequeno".

"A profesora de apoio de matemáticas veu hai unhas semanas e comentounos o do concurso. Tiñamos un día, díxonos que eran poemas curtos, fixen dous textos na casa e entregueillos ao día seguinte. Olvideime un pouco do tema e o luns chamaron ao meu pai para dicirlle que quedara segunda", conta Irea con naturalidade e aínda algo sorprendida. Recorda un premio por unha carta no colexio. "Nada importante", di.

E que é o amor? "O que eu creo?", contesta, "ter a alguén sempre con quen contar, falando de todo tipo de amor" matiza

Gañou o segundo premio -recibirá un ebook o día 28 na gala de entrega que se celebrará en Padrón- con Conto contigo, que resume en poucas palabras "o que eu penso do amor", explica. E que é o amor? "O que eu creo?", contesta, "ter a alguén sempre con quen contar, falando de todo tipo de amor" matiza e recita un par dos seus propios versos: "Se teño frío, conto co teu calor; se estou soa, conto contigo".

"Gústame moito escribir. Xúrdenme ideas e empezo un montón de historias, pero nunca as remato porque estou a moitas cousas. Normalmente escribo narrativa, pero tamén teño escritas cancións, estou empezando a aprender a tocar a guitarra", explica esta estudante de 3º da Eso do IES Castro da Uz das Pontes que ten claro que o seu soño é poder traballar de algo que lle guste.

As súas dúas paixóns actuais son escribir e actuar. Así, dende pequeniña, aparte de unir letras, fixo cameos e colaboracións como actriz. Empezou cun videoclip do grupo irlandés Sigur Rós e continuou con varias curtametraxes e traballos de extra en series como Padre Casares ou Matalobos.

"A miña idea é estudar psicoloxía, interésame saber como funciona a mente, pero se podo chegar a traballar no futuro actuando ou escribindo encantaríame. Gústame moito calquera das dúas cousas", di. O premio que acaba de recibir e que aínda non coñecen no seu instituto -"estou desexando chegar e contarllo aos profes"- é, quizais, un primeiro paso no camiño. "Presenteime por participar pero non sabía que era tanto. Non lle din tanta importancia ata que vin que se presentaran 600 persoas de toda Galicia", di.

Na súa categoría, de 14 a 19 anos, fíxose co primeiro premio por segundo ano consecutivo Nee Barros, de Marín (Pontevedra). Ela quedou segunda e Yago Rubio, de Vega de Espinareda, de León, terceiro. Na categoría de entre 20 e 35 anos os premios foron para Navia Rivas, de Boimorto (A Coruña), Darío Rodríguez, de Vigo, e Cándido Paniagua, de Xinzo de Limia, en Ourense. Aparte, o xurado outorgoulle unha mención de honra a María Inmaculada Rodríguez, de Santiago.

Comentarios