Os traballos para derribar o parque acuático de Vilalba finalizarán a próxima semana

As obras fináncianse cunha partida de 48.000 euros 
Parque acuático
photo_camera Parque acuático de Vilalba. M.ROCA

Os traballos de demolición do parque acuático de Vilalba, que arrancaron hai dúas semanas, continúan a bo ritmo e posiblemente rematarán a semana que vén. Pronto, a área recreativa da Magdalena lucirá sen a réplica da torre dos Andrade.

Os traballos, que realiza unha empresa local, acométense cunha partida de 48.000 euros que se financia con fodos do remanente de tesourería municipal, e que se votou en pleno con todos os votos a favor dos grupos políticos con representación no Concello.

Tras o fin desta primeira fase de derrubamento do antigo parque acuático, o goberno vilalbés terá que sacar a licitación a obra das novas instalacións, que conta cun orzamento total de 840.000 euros, dos que a Deputación de Lugo achega o 80% dos fondos e o Concello o 20% restante.

O novo proxecto conta con tres piscinas, un edificio de servizos semienterrado nunha ladeira, que incluirá cambiadores, aseos, sala de socorrismo e unha zona de recepción. Tamén se mellorará o acceso cunha rampla.

Comentarios