Os traballos na casa incendiada en Vilalba manteñen cortada a Rúa da Pravia

O desentullo do inmoble xa finalizou e queda pechar de forma segura a zona onde estaba
undefined
photo_camera Valado de seguridade, este martes na Rúa da Pravia, na contorna do edificio derrubado. M. ROCA

A céntrica Rúa da Pravia de Vilalba, onde na madrugada do pasado luns ardeu por completo a coñecida como casa das Maragatinas tras derrubarse a súa fachada e provocar un escape de gas, continuará cortada polo menos este mércores mentres seguen os traballos para limpar e recuperar a zona cero do incendio.

Se o luns este tramo de vía estaba cheo de operarios e servizos de urxencia para restablecer as distintas subministracións, este martes foron só os empregados da empresa local Cholo os que estiveron a traballar, realizando durante boa parte da xornada tarefas de desentullo no inmoble afectado, do que só quedou en pé a fachada traseira.

Cara a última hora da tarde, os traballos centráronse no enchido con terra e zahorra para tratar de elevar o terreo no solar para reconstruír a parte de beirarrúa que tamén veu abaixo.

Estes continuarán este mércores, así como os necesarios para pechar de forma segura a zona na que estaba antes a vivenda, cuxos propietarios, que non quixeron facer valoracións polo momento, mantéñense á espera dos informes que esclarezan dalgunha forma que puido provocar a derruba dun inmoble que se atopaba deshabitado pero en perfecto estado.

Varios veciños alertaron nas horas previas ao suceso, no que afortunadamente non houbo que lamentar danos persoais nin que o intenso lume se propagase a outros edificios, de que se vía saír unha cantidade abundante de auga pola parte de atrás da casa das Maragatinas, no cruzamento das rúas Porta de Cima e Rúa das Pontes. A fuga tamén se fixo visible despois na Rúa da Pravia, pouco antes de que se viñese abaixo a fachada.

DESALOXADOS. Os veciños dos números contiguos á vivenda incendiada, menos dunha ducia, aínda seguen sen poder regresar aos seus domicilios, debido aos traballos que aínda se están realizando na zona con maquinaria pesada.

"Non se sabe cando poderán volver, será cando os técnicos determinen que hai seguridade para iso, pero estamos a traballar para que poidan facelo o máis axiña posible", manifestou a alcaldesa, Elba Veleiro.

Na madrugada do luns desaloxáronse preto de 30 persoas, de edificios próximos ao incendiado, por prudencia por se se daba outra explosión de gas. A maioría xa puideron regresar ás súas casas esa noite e outros, que preferiron durmir noutro lugar, fixérono á mañá seguinte.

Comentarios