Traballo, ilusión e ambición

O Rácing Club Vilalbés presentou ao primeiro equipo para a tempada 2019-20 e iniciou o traballo de pretempada. "Sodes un espello para a base do clube", sinalou Francisco Ruiz
photo_camera Presentación do Rácing Club Vilalbés para a tempada 2019-20. C. PÉREZ

O Rácing Club Vilalbés iniciou este xoves na Magdalena a pretemporada coa súa primeira sesión de adestramento e a presentación oficial da plantilla do primeiro equipo, que disputará a liga de Terceira División. Ao acto acudiu a directiva e representantes do Concello.

Traballo, ilusión e ambición son as claves ás que se fixo referencia nas diferentes intervencións para afrontar a tempada 2019-2020, na que o club levará unha vez máis "con orgullo" o nome de Vilalba "por toda Galicia e, se pode ser, tamén por fóra", tal e como destacou o presidente do clube, Francisco Ruiz, que aproveitou o acto para presentar aos seus novos compañeiros da directiva: Fernando Cillero (vicepresidente), José Otero (tesoureiro), Carlos Vázquez (vogal) e os ausentes Juan José Vázquez (secretario) e Pablo Viveiro (vogal).

Ruiz lembrou que está aberto o prazo para presentar candidaturas para renovar a directiva ata o 26 deste mes e, se as hai, haberá eleccións o 29. Se non, o 2 de agosto —20.30 horas, Centro Cultural e Recreativo— haberá unha asemblea xeral extraordinaria.

CANTEIRA. O presidente pediu "traballo" aos xogadores, aos que recordou que son un referente para os máis de 700 socios do club e, sobre todo, para os máis de 200 integrantes do fútbol basee. "Vosoutros sodes o espello deles", asegurou, incidindo en que o principal obxectivo do club é que "o traballo de base se vexa reflectido arriba".

Ilusión e ganas foi o que lles solicitou a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, que tamén se sumou ao desexo de que o Rácing supere as fronteiras galegas nunha hipotética fase de ascenso: "Iredes fóra, non sei onde, pero iredes". A rexedora comprometeu o apoio do Concello, do mesmo xeito que o tenente de alcalde, Modesto Renda, que quixo destacar o exemplo do adestrador, Simón Lamas, quen ejemplifica "a idea romántica do fútbol", ao formarse no club e que leva o escudo "ben pretiño do corazón".

Simón Lamas, adestrador do Rácing Vilalbés: "É un orgullo defender este escudo"

"É un orgullo defender este escudo", asegurou pola súa banda Simón, que animou aos seus xogadores "a ser ambiciosos", a competir "ou mellor posible" e a gozar da tempada, xusto antes de iniciar o primeiro adestramento "nun campo que está de vicio", segundo destacou Make, encargado de dar a benvida ao persoal.

A Pita, López, Vérez, David Buyo, Muíña, Castrín, Make, Javi Varela, Jose Varela, Álex Pérez, Moreda e Diego Rey, súmanse as incorporacións de Sito e Sandá (Deportivo), Ángel (Boiro), Cuadrado (Polvoreira) e Josito (Arteixo). Ademais, realizan a pretemporda Clemente, Óscar e Noel, que pasan de xuvenís; Duarte, que está cedido; Brais e Navia, a proba, e os xuvenís Anxo, Lois, Gabri, Rares e Marco.

Comentarios