Os traballadores das auxiliares seguen "indefinidamente" dentro da térmica

Aseguran sentirse "indefensos" ante o suposto desmantelamento da central
undefined
photo_camera Traballadores das auxiliares en Endesa tras a súa quenda laboral. EP

Unha representación de traballadores da industria auxiliar que opera na central térmica das Pontes continúa co seu acto de protesta dentro das instalacións da planta, un particular peche que manterán "indefinidamente".

"Este peche é indefinido ata que Endesa nos garanta o emprego ata que se saque a última arenilla desta central térmica. Tanto se se vai a desmantelar, coma se se mantén queimando carbón, lodos ou o que sexa, a industria auxiliar ten que estar ata o último día", indican desde este colectivo de traballadores.

Esta nova medida de presión arrincou cunha vintena de empregados este pasado martes, ao finalizar a quenda de mañá —que é de 7.00 a 15.00 horas—. "Estamos a cumprir o horario laboral, pero ao acabar, fichamos, collemos uns bocadillos e, no canto de saír, quedamos aquí dentro", explican, á vez que admiten que "o cansazo é moito" ao enganchar coa xornada de traballo, polo que están "a empezar a rotar" para manter esta mobilización.

Critican que Endesa non atende as demandas das auxiliares —que teñen entre 160 e 180 empregados— e que en decembro empezou a trasladar operarios a outros lugares, realizando "un desmantelamento total, vil e absoluto" ante o que senten "indefensos". "E témonos que manifestar dalgunha forma", din.

Comentarios