"Tiven a sorte de asistir ao nacemento do San Simón"

Son Francisco Sineiro, un enxeñeiro agrónomo que foi docente, conselleiro e parlamentario. Na actualidade son un xubilado moi atarefado. O día 2 darei o pregón na XXVI Festa de San Simón, algo do que estou moi orgulloso pois fun un dos pais deste queixo que tanto me gusta.
Francisco Sineiro, pregoeiro da XXVI Festa de San Simón da Costa
photo_camera Francisco Sineiro, pregoeiro da XXVI Festa de San Simón da Costa

Xa ten experiencia como pregoeiro. En Vilalba improvisará ou vai preparar un discurso? 
A min gústame facer este tipo de cousas case o último día ou incluso no momento, é moito máis natural. 

Vostede impulsou o crecemento do San Simón, pois a finais dos 80 colaborou para que se puxesen en marcha as primeiras queixerías.
Eu tiven a sorte de asistir ao nacemento deste queixo. Recordo que neses anos nos que eu era conselleiro de Agricultura comezaron a funcionar as‘miniqueixerías’, as primeiras que se puxeron en marcha e que se chamaban así precisamente polo pouco volume que tiñan. Nese tempo a maioría tiña problemas de electrificación, algo moi necesario para elaborar o produto, e dende a Xunta colaboramos para dotalas dos servizos que precisaban. Aínda así os verdadeiros protagonistas foron os queixeiros, que tiveron desde o comezo un grande interese por impulsar o San Simón. 

Sexa sincero, gústalle o San Simón ou prefire outro queixo? 
Teño que confesar que son un grande amante dos queixos e o San Simón é un dos meus favoritos. Recordo que un ano na Semana Verde Internacional de Berlín había expostas máis de 300 variedades e o San Simón destacaba por enriba de todas polas súas características tan especiais: é un queixo maduro, o que lle dá máis posibilidades para comercializarse; ten unha forma moi peculiar; e tamén unha cor única que lle proporciona o afumado.

Vai visitar a capital chairega, aproveitará para facer un percorrido turístico pola comarca?
A verdade é que ese día me vou centrar ao cen por cen na feira. Pero na Terra Chá teño moitos lazos que veñen da miña etapa como conselleiro, pois foi unha zona á que levei varias iniciativas grazas ao apoio varios compañeiros do PSOE vilalbés.

Por que deu o salto á política? 
Foi nun momento da miña vida no que eu tiña a convicción de que a política era fundamental para axudar a mellorar e transformar o país. E por iso me lancei.

Satisfeito ou arrepentido?
Coido que foi un momento transitorio, pois logo volvín incorporarme á docencia. Foi unha etapa da miña vida profesional da que non me podo arrepentir.

Como experto no campo galego. Como valora a situación na que se atopa na actualidade?
Resaltaría que se avanzou moito, pero coma en todo hai luces e sombras. Estamos nun período con dificultades debido a que os prezos non se corresponden co traballo pero hai que ser optimistas e pensar que se vai mellorar.

Foi enxeñeiro agrónomo, docente universitario, conselleiro, parlamentario e actualmente está xubilado. Despois de tanta actividade laboral acostúmase a levar unha vida tranquila?
Eu prefiro definirme coma un xubilado atarefado, tranquilidade teño pouca (risas). Sempre ando dando charlas, escribindo, lendo e interesándome nos problemas da economía agraria. Parado estou pouco e dedico moito tempo, moi gustoso, a axudar aos meus fillos e netos.

Comentarios