A térmica pontesa gaña tempo: Endesa revaluará as probas

Tras reunirse con Transición Ecolóxica, Xunta e Concello, a électrica comprométese a buscar alternativas cos biocombustibles
Central térmica de As Pontes. M.MANCEBO
photo_camera Central térmica das Pontes. M.MANCEBO

A térmica pontesa gaña algo de tempo e, aínda que o futuro segue sendo incerto, na localidade ábrese unha esperanza cando a data de peche da planta xa estaba fixada para antes de 2022. Tras unha reunión crave entre ministerio de Transición Ecolóxica, Xunta de Galicia, Concello das Pontes e Endesa, a eléctrica comprometeuse a revaluar os resultados das probas que realizou con biocombustibles para tratar de evitar o seu peche.

Aínda que nun primeiro momento filtrouse que os datos das probas, segundo os informes de Endesa, condenaban á térmica a unha morte anunciada, a eléctrica concede agora unha segunda oportunidade ao uso de biocombustibles na central pontesa. "Endesa di que as probas non son viables, sobre todo economicamente, pero a ministra de Transición Ecolóxica dixo que o Idae (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía) vía viables tecnicamente os resultados, aínda que podía haber aspectos que superar. É a conclusión que nos vale. O que hai que facer é revaluar as probas economicamente, baixar os prezos dos biocombustibles e facer que sexa rendible para Endesa", expresou o rexedor das Pontes, Valentín González Formoso, tras a reunión celebrada en Madrid coa ministra para a Transición Ecolóxica en funcións, Teresa Ribera; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, o presidente da compañía en España e o seu director xeral.

Ribeia confirma que o Idae ve viabilidade técnica nos resultados e os esforzos céntranse agora en facer que sexan rendibles

"Endesa sentou co peche xa exposto e recibiu unha resposta moi contundente de que tiña que buscar alternativas, e tomou nota. Foi moi positivo ver a todas as administracións comprometidas coa central", engadiu o rexedor, que confirmou que a primeira reunión para falar da viabilidade económica será xa mañá en Santiago, nunha cita na que estará outra vez Endesa, a Xunta, o Concello e Agroabm, a firma chairega que xa forneceu material —emendas orgánicas fóra de especificación— para realizar as probas na central.

González Formoso: "Endesa viña co peche xa exposto e recibiu unha resposta moi contundente para que buscase alternativas"

"Acordamos volver avaliar as probas técnicas que se fixeron nas últimas semanas, mirar a capacidade de subministro de toneladas de lodos, o doutros combustibles, para que se poidan substituír por unha porcentaxe de carbón e botar contas desde o punto de vista de emisións; todo isto para que esta central poida reactivarse e manter unha actividade enerxética", expresou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que ao saír dunha reunión "ao máis alto nivel" confirmou que no principio do ano se convocará outra.

Manuel Bouza: "É moi positivo o compromiso de Endesa, pero seguiremos facendo presión ata que isto estea en marcha"

"A postura de Galicia é clara, non plantexamos ningunha outra posición que non sexa a reactivación dá central, porque é necesario para a comunidade, para España e para as 750 familias que non poden de forma abrupta quedar sen traballo", sentenciou Feijóo, que fixo fincapé na necesidade de buscar alternativas para substituír o carbón paulatina por outro tipo de combustible e en que "Galicia sen As Pontes sería unha comunidade autónoma deficitaria en enerxía".

Neste sentido, o presidente da Xunta sinalou que custa entender que en España se pechen todas as centrais térmicas, cando en Europa están activas máis de 140, e, destacou, que "de todas as térmicas de España a das Pontes é a que está preparada, cun investimento superior a 200 millóns, para cumprir coa normativa europea".

Luís Varela: "A reunión entre os pesos pesados dános ánimo, sempre tiven a ilusión de que alguén lle puxese sentido común"

Desde a eléctrica, non entraron a valorar o contido dun encontro que definiron como "construtivo" e só anunciaron que haberá outra "reunión inmediata dun grupo técnico para examinar todas as posibilidades dos biocombustibles".

Mentres, en As Pontes, aínda que conscientes de que a situación é moi complicada, a reunión vese como unha prórroga polo menos. "É seguir mantendo a idea e a ilusión de que isto continúa. Foron os maiores pesos pesados e os mellores actores que se podían sentar para falar e dános ánimo. A porta nunca a vin pechada do todo, sempre tiven a ilusión de que alguén lle puxese sentido común a todo isto", dixo Luís Varela, o presidente do comité de empresa, mentres o presidente do colectivo de transportistas aclaraba: "é moi positivo o compromiso de Endesa, pero seguiremos facendo presión ata que isto estea en marcha".

Comentarios