Lolo Dopico: "Teño moitas chamadas e espero que as reservas se disparen para o verán"

O responsable de Autocaravanas As Pontes di que a crise sanitaria espertou o interese da xente para viaxar como unha seda
Lolo Dopico. C.ARIAS
photo_camera Lolo Dopico. C.ARIAS

"Teño moitísimas chamadas para preguntar prezos e espero que as reservas se disparen para o verán", asegura Lolo Dopico, o responsable de Autocaravanas As Pontes, á vez que asegura que a crise sanitaria espertou o interese de moitos para viaxar como unha seda. Da dificultade, ás veces, xorde a oportunidade.

"A autocaravana é unha forma que a xente agora ve fiable e un xeito de evitar aglomeracións. O gran problema é que non hai datas concretas e moitas dúbidas sobre como serán as cousas este verán", explica o pontés, que indica que a gran dúbida dos interesados é cando se poderá cambiar de provincia. Lolo Dopico, un dos camioneiros do carbón das Pontes que actualmente traballa no transporte para unha empresa de alimentación tras o parón da térmica, empezou no sector das autocaravanas de casualidade.

"Comprei a autocaravana fai algo máis dun ano para levar o meu fillo aos campionatos de kárting e como son autónomo e estaba tempo parada empezamos a alugala. é un sector sen coñecer para moita xente, pero o que o proba, case ao 99% repite", explica o pontés, mentres fala dun turismo "completamente diferente", con moita "liberdade" e "independencia", algo que agora moitos valoran máis. "O ano pasado alugouna xente de León, de Vigo, Ourense, Ferrol, As Pontes, Valdoviño...", di Lolo, que fala dun perfil de clientes moi variado.

"Tivemos que cancelar moitas reservas polo estado de alarma e xusto acababamos de sumar unha camper, unha furgoneta de catro prazas, que agora tamén temos dispoñible", di. Agora, o Covid-19 obrígaos a ser aínda máis coidadosos na desinfección. "Antes xa primabamos entregala impoluta ao cliente, pero agora se desinfecta todo e ponse a máquina de ozono e airéase antes de saír", indica o pontés.

Comentarios