O templo do vento celebra dúas décadas de historia

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Francisco Conde, presidiu os actos con motivo do 20 aniversario do Parque Eólico Experimental Sotavento, un "proxecto pioneiro" e "referente"
O xerente da Fundación Sotavento, José Núñez, ante algunhas das autoridades presentes no acto polo 20 aniversario. MARTA MANCEBO
photo_camera O xerente da Fundación Sotavento, José Núñez, ante algunhas das autoridades presentes no acto polo 20 aniversario. MARTA MANCEBO

O Parque Eólico Experimental Sotavento, ubicado entre o municipio chairego de Xermade e o coruñés de Monfero, conmemorou este luns dúas décadas de historia cun acto presidido polo conselleiro de Economía, Empresa e Innovación e vicepresidente segundo da Xunta de Galicia, Francisco Conde.

Inaugurado polo Príncipe de Asturias —hoxe o monarca Felipe VI— tal día como onte hai 20 anos, este templo do vento converteuse pouco a pouco nun referente no mundo da investigación e da divulgación das enerxías renovables, pero tamén do aforro enerxético e da súa interrelación co medio ambiente.

Así o transmitiu o seu xerente, José Núñez, aos representantes das distintas administracións —entre os presentes estaban os alcaldes de Xermade e Monfero e membros do Idae ou do Inega— e das empresas do sector —Enel, Iberdrola, Engasa, Endesa ou Norvento—, que acudiron ata o parque xermadés para celebrar e descubrir parte das instalacións nun breve percorrido —a visita completa pode chegar ás catro horas— da man de Manuel Díaz, o responsable da parte divulgativa. 

Despois de coñecer polo miúdo o funcionamento, por exemplo, da vivenda bioclimática, un dos principais atractivos deste parque experimental polo que pasaron xa ao redor dunhas 270.000 persoas nestas dúas décadas e que ten lista de agarda para poder ser visitado, os participantes trasladáronse ao exterior, onde se instalou unha carpa que acolleu a proxección dun vídeo de repaso histórico e os discursos de Núñez e Conde.

SOTAVENTO 20 AÑOS 3 (64)

O xerente da Fundación Sotavento rememorou os inicios dun proxecto que cualificou de "novedoso, incierto y utópico" e que co paso do tempo "es una realidad madura", afirmou, agradecendo o compromiso e o traballo de todas as persoas implicadas en que esta instalación se situase como "un referente nacional" que colleitou máis dunha ducia de galardóns. 

"Estamos muy orgullosos de la labor realizada durante estos 20 años en los que tuvimos que sortear algunos obstáculos pero que estuvieron llenos de satisfacciones", engadiu José Núñez, recalcando que o futuro será "renovable y sostenible" e por iso "Sotavento va a estar ahí para contarlo". 

O conselleiro de Economía, Francisco Conde, definiuno como "un proxecto pioneiro" e un "exemplo da colaboración público-privada" co que se puido poñer en marcha unha "iniciativa de vangarda" que contribúe "ao desenvolvemento das enerxías renovables en Galicia a través da I+D+i, á sensibilización e á pedagoxía".

Así, destacou o "frutífero labor" que ten desenvolvido este "espazo de experimentación e escaparate dos diferentes avances tecnolóxicos que se foron dando no sector eólico e das renovables", no que tamén se levou a cabo "unha misión pedagóxica e de sensibilización sobre a importancia das enerxías limpas e a eficiencia enerxética", indicou Conde.

O vicepresidente segundo incidiu na necesidade de "garantir o equilibrio entre o desenvolvemento destas enerxías limpas e o respecto ao medio ambiente", asegurando que entidades como Sotavento van a cobrar relevancia "no contexto actual da descarbonización e da transición ecolóxica", polo que apuntou a que o gran reto agora pasa por consolidar e conseguir un "crecemento sustentable desde o punto de vista ambiental, social e económico". 

Comentarios