"Temos que traballar por manter a vida en vilas como Meira"

Leva anos implicada no asociacionismo meirego e acaba de ser nomeada presidenta de M de Meira. Ermitas Rodríguez defende a idea de "facer pobo" e de recoñecer o labor dos que o fixeron, como Xose da Flor, para o que solicitan que se lle poña o seu nome á biblioteca, ou Avelino Díaz, para o que loitan por un Día das Letras Galegas 

Ermitas Rodríguez, presidenta de la asociación M de Meira. EP
photo_camera Ermitas Rodríguez, presidenta de la asociación M de Meira. EP

Acaba de ser nomeada presidenta de M de Meira, unha asociación con vocación dinamizadora que  leva anos argallando actividades na vila, e Ermitas Rodríguez afronta esta etapa coa idea de  "continuar coas actividades que xa levan anos funcionando e intentar achegar a asociación a nova xente que complete as nosas inquedanzas".

Cal é o obxectivo a acadar?  
Nós traballamos sempre coa idea de facer pobo, de presentar todo tipo de actividades culturais para todas as idades. 

Realizan innumerables actividades e acaban de pechar o campamento de verán. Que tal funcionou? 
Este ano superamos amplamente as nosas expectativas. Está claro que supón a solución que moitas familias necesitan para conciliar tempo de traballo e vacacións dos máis pequenos, pero a clave do éxito é o equipo de profesionais que se encargan de facelo. Todos os anos presentan un programa de actividades que namoran aos nenos e que valoran os pais. Sempre buscan aprender xogando, dá igual que falemos de historia, cultura, valores... 

Realizarán de novo as Olimpíadas Rurais enmarcadas no programa das festas. Cal é o programa? 
A intención é pasalo ben e botar unhas risas. Será unha competición por equipos e os mellores serán premiados. Traemos probas de forza e habilidade, carreiras de sacos colectivas, lanzamento de boina, movemento de pacas, xogos de auga e o tiro da corda. 

Que máis actividades están previstas para este ano? E cales se fixeron xa? 
No que vai de ano tivemos a ximnasia para maiores, organizamos os actos do Día da Muller e vimos de pechar o campamento de verán, todo isto en colaboración co Concello de Meira. En canto ao que está por vir, pois xa adiantamos o das Olimpíadas Rurais, en setembro contaremos cun grupo de teatro do programa Buxiganga da Deputación, a finais de outubro celebraremos o magosto e no Nadal estamos a traballar nalgunha sorpresa que aínda non está pechada.

Colaboran con outros colectivos da zona. É importante tender pontes para dinamizar o rural? 
Nos sitios pequenos é fundamental, somos pouca xente disposta a traballar e necesitamos colaborar uns cos outros para tirar adiante con todas as iniciativas que se desenvolven na nosa vila. 

Faltan apoios por parte da administración para o asociacionismo ou este debe ser independente?
Cando falamos de asociacións pequenas e para un público reducido o apoio das administracións é fundamental, é o único xeito que temos de financiar este tipo de  actividades.

A figura de Xose da Flor foi clave na asociación e en decembro organizaron unha homenaxe. Que queda da súa pegada en Meira? 
Para varias xeracións de Meira e de máis aló Xose segue moi presente no día a día. Certo é que os máis achegados presentamos varias accións para facer que este sentimento se materializase, pero a verdade é que nese aspecto aínda estamos a traballar para crear un sitio para o seu recordo.

Teñen en marcha unha recollida de sinaturas para porlle o seu nome á biblioteca. Como vai o proceso? 
Presentouse por parte do grupo do BNG a iniciativa no pleno, pero ao non obter a unanimidade pensouse que esta iniciativa tiña que ser acompañada polo calor da súa xente, así empezou a recollida de sinaturas. Cada día hai máis e esperamos non tardando volver presentar a iniciativa. Os que coñecemos a Xose non o podemos imaxinar sen o seu mundo de libros. A min emocionaríame ser socia da Biblioteca Xose da Flor. 

Adicaron un premio co seu nome noutro clásico, o M de Cine. E poden presumir de que acolleu a presentación de Dhogs.
A verdade que o que empezou sendo un cine de verán xa está tomando outras dimensións. Nós somos colaboradores, o mérito é dos rapaces de Gaitafilmes, que están demostrando ao mundo que se pode facer cine e do bo dende o rural e facendo partícipe a todo un pobo. A estrea do seu filme foi todo un acontecemento na vila, esperamos que sexa o primeiro de moitos éxitos.

Está implicada na Asociación Cultural Avelino Díaz. Levan varios anos presentándose para conseguir que lle adiquen as Letras Galegas. Será unha realidade en 2019? 
Os que traballamos por Avelino propuxémonos non marcar datas, porque non é fácil, hai moitos escritores que levan anos e que teñen un punto de partida máis avantaxado. Pero é necesario seguir pelexando, sabemos que hai unha gran obra por ensinar, coñecemos a calidade do xa publicado e sabemos que sen o apoio da Real Academia Galega será moi difícil mostrar a figura do poeta, do escritor e do home que formou parte activa desa Galiza de Bos Aires, dos xornais, da radio, do movemento cultural que tamén foi galego. 

Tamén é a administradora de Beealia, un equipo de enxeñeiros agrónomos interesados polo rural que naceu en 2009. Cal é o futuro do rural? E o principal reto? 
O rural está cheo de grandes retos, empezando por sobrevivir ao despoboamento. Temos que traballar para manter a vida en vilas como Meira, que ninguén nos engane, existen oportunidades, só temos que crelo e traballar para conseguilo. Nós somos un exemplo máis, instalámonos en Meira porque apareceu a oportunidade de alugar superficie do Banco de Terras e así empezamos coa gandería, despois chegou o tema da comercialización e a última aventura é o asesoramento gandeiro.

"No Pedregal únense un lugar con maxia e meu pai, pero o rosetón da igrexa tenme namorada"
Un é de onde nace ou de onde pace? 
Supoño que de onde paces, pero onde naces condiciona sen dúbida como paces.
Leva máis de dez anos en Meira. Que é o que máis lle gusta da vila? 
A vida, sempre hai movemento.
Un recuncho para ensinar? O seu lugar favorito de Meira?
Elixiría o Pedregal porque nel únense un lugar con maxia e meu pai, pero o rosetón da igrexa tenme namorada.
Un animal? 
Aínda que  sexa por defender un sector, quedo coa cabra.
Fronte á problemática do lobo. É das defensoras ou detractoras? 
O lobo sempre estivo aí, así que creo que temos que chegar a pactos para convivir con el.
Ten tres nenos e unha explotación de ovellas e de cabras, queda tempo libre ou hai que facer tetris para atopalo? 
A vida é cuestión de prioridades, para o realmente importante sempre se atopa o tempo.
Unha afección?
Son un pouco bohemia, sempre ando argallando, pinto, debuxo, cociño...
Un libro para recomendar? 
Co risco de parecer pouco seria estou desfrutando como unha anana de ‘O Principiño’.
Unha película? 
Por proximidade e por orgullo recomendo Dhogs.

Comentarios