Tecores de Terra Chá e Negueira son os primeiros Wildlife Estates de Galicia

Esta acreditación certifica a calidade da súa fauna e “recoñece a excelencia na xestión da biodiversidade existente en ambos os lugares”

Os tecores de Terra Chá e Negueira de Muñiz, ambos na provincia de Lugo, serán os primeiros de Galicia en contar coa acreditación Wildlife Estates, que certifica a calidade da súa fauna e “recoñece a excelencia na xestión da biodiversidade existente en ambos os lugares”, segundo explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

Desta forma, as superficies de ambos os tecores súmanse a un conxunto natural formado por máis de 1,6 hectáreas que, distribuídas en 17 países de Unión Europea, foron recoñecidas por esta entidade certificadora como “xestores exemplares desde o punto de visto ambiental e faunístico”.

No caso de Negueira de Muñiz, o tecor consegue renovar este recoñecemento, dado que leva sete anos formando parte deste “selecto grupo”, mentres que o de Terra Chá recibirá este venres a súa “etiqueta de calidade”, nun acto que se desenvolverá no Museo das Aves de Feira do Monte, no municipio de Cospeito.

No tecor da Terra Chá foron catalogadas máis de duascentas especies, aínda que só entre seis e oito teñen interese cinexético, de modo que se converteu, segundo a Xunta de Galicia, “nunha auténtica reserva da natureza”, grazas tamén á súa riqueza forestal e paisaxística.

Para lucir a etiqueta Wildlife Estates, os xestores dos territorios avaliados teñen que asinar unha carta cunha serie de compromisos en materia ambiental e pasar a correspondente auditoría, ademais de someterse a avaliacións periódicas.

Comentarios