O taller de arte Comeluz das Pontes inicia as exposicións con Sonia Sueiro

2020070316572041634
photo_camera Sonia Sueiro, cunha obra. EP

O taller de arte Comeluz das Pontes, que abriu as súas portas poucos días antes de decretarse o estado de alarma, inicia a súa proposta de exposicións #12meses12artistas coa obra da pontesa Sonia Sueiro.

A exposición da pintora, que mostrará gran parte dos seus novos e expresivos traballos realizados en cartón, abrirase o sábado ás 18.00 horas e poderase ver ao longo de todo un mes.

Un dos obxectivos é potenciar a obra de artistas das Pontes e arredores.

"Tiñamos planeado empezar antes, pero con todo o que pasou tivemos que pechar, e estamos a volver a arrincar. A idea é facer unha charla na inauguración con cada autor e cambiala o primeiro fin de semana de cada mes", explica Sergio Picos, o responsable do taller de arte, que indica que se intentará potenciar a obra de artistas das Pontes e dos arredores.

"Volver empezar foi mellor do esperado. Os alumnos están a volver aos poucos e todo faise con todas as medidas de seguridade", indica o pontés, que recoñece que o que aínda non puido pór en marcha son os talleres de caricaturas, gravado ou manualidades que tiña previsto organizar as fins de semana.

Comentarios