Susana Seivane ofrecerá un concerto na Festa da Torta de Millo de Guitiriz

O Concello custea a actuación co plan único, que suma 429.000 euros e inclúe melloras en vías, o parque se Sete Muíños ou o pavillón

Susana Seivane. AEP
photo_camera Susana Seivane. AEP

GUITIRIZ. A gaiteira Susana Seivane será un dos grandes atractivos dunha nova edición da Festa da Torta de Millo de Guitiriz, fixada para o próximo 29 de xullo, na que ofrecerá un concerto como broche de ouro a unha cita que busca promocionar este recoñecido produto gastronómico.

O Concello decidiu custear os gastos derivados desta actuación con cargo ao plan único, destinando 9.680 euros do capítulo de turismo e cultura, que se completa con outra axuda de 3.000 euros para a Festa da Cantería, Callos e Artesanía de Parga, fixada para o 22 de xullo.

Ao Concello de Guitiriz correspóndenlle este ano un total de 429.156,37 euros deste programa da Deputación de Lugo, cuxa maior partida, que rolda os 239.000 euros, dedícase a investimentos.

Así, destinaranse uns 80.000 euros á substitución do chan do pavillón municipal e máis de 77.000 á renovación integral do parque de xogos infantil de Sete Muíños, que se adecuará á normativa, con xogos e propostas para distintos grupos de idade.

Co plan único tamén se aglomerarán os catro quilómetros de pista que unen Bascuas coa Praza do 23 de Santa Cruz, ademais dos 400 metros que dan acceso á capela de Bascuas, para o que se destinan 142.500 euros, e uns 700 metros da vía que une a igrexa de Santa Locaia coa estrada provincial, cun orzamento de 32.000 euros. Para completar os orzamentos dalgunhas destas obras, as arcas municipais achegarán uns 20.000 euros.

O goberno local de Guitiriz tamén destinará preto de 6.000 euros dos fondos provinciais á implantación da administración electrónica, ao redor de 3.000 á adquisición dun posto de mando avanzado para urxencias e 1.000 euros para Protección Civil.

A achega da Deputación complétase cunha partida de 68.000 euros de fomento do emprego, coa que se contratará persoal, e 25.000 euros para axudar a sufragar o SAF.

Comentarios