Superxabón contra o virus en 'Mellor na casa', o conto infantil de Estrella Naseiro

A vilalbesa Estrella Naseiro dá vida nunha obra a personaxes cotiáns para que os nenos se conciencen da importancia de seguir as medidas de hixiene e seguridade contra o Covid-19. 
Estrella Naseiro, acompañada de Dona Cafeteira. EP
photo_camera Estrella Naseiro, acompañada de Dona Cafeteira. EP

ESTABAN AÍ e non todos os vían. Obxectos ao alcance da man, os de tódolos días, os que fan máis sinxela a vida, sobre todo en mundos e tempos de pandemia. Sorte que hai quen os saiba escoitar.

Estrella Naseiro, unha muller vilalbesa á que a corentena deixou sen unha das súas máis grandes afeccións, o teatro, estaba comezando a tantear esa sensación de verse confinada cando afinou o oído, e oíu.

Faláballe Dona Cafeteira que, atenta ao que estaba acontecendo co coronavirus en medio mundo, lle suxeriu a idea de elaborar máscaras na máquina de coser. E detrás dela, aos poucos, fóronse presentando os demais: Capitán Superxabón, Dona Pementa, unha bolsa de auga quente transformada en autoridade sanitaria, un desatascador que faría tremer ata a propia Organización Mundial da Saúde, os avós allo porros Elena e Anxo, a esponxa Pepiño, a tostadora Filomena ou os xarróns Carmela e Arturo.

Todos eles e as súas historias dan forma a Mellor na casa, un conto no que os nenos poden comprender o que pasou e "descobren cantos amigos temos na casa e que non sabiamos deles", di Estrella cunha ilusión que traspasa a liña telefónica, e con naturalidade, esa mesma coa que naceu un libro que ata fai de "punto de partida para dar pé a conversacións entre pais e nenos".

"Andaba pola casa mirando a ver que podía personalizar e comecei a ver nas cousas ollos, bocas, vestidos...", lembra unha muller á que a cabeza non lle para e que creou un mundo co que tiña á man. Nese intre deu inicio un proceso longo no que se sucederon as risas, as sesións de fotos case interminables -ata 600 chegou a facer para elixir as que saen no exemplar- e os sabios consellos para sobrelevar o novo virus.

Por iso, o protagonista é o Capitán Superxabón, polo papel que desempeña nunha loita na que a hixiene é escudo e arma. E non menos importantes son os demais, que invitan a perderse en longas viaxes, como o libro que é Dona Petunia; que animan a continuar desfrutando dos museos e dos teatros, como fai Pepiño; e que lembran que sempre é motivo para celebrar "se estamos todos xuntos e ben", como fai Filomena.

E porque todos teñen o seu aquel Estrella sabe que cada neno que le Mellor na casa ten o seu propio personaxe favorito, do que piden máis aventuras. Para a súa alegría, as historias continúan cunha segunda entrega que verá a luz a finais de setembro.

"Aínda me están contando o que están facendo", di entre risas a confidente de Dona Cafeteira e compañía, que agora se atopan por "praias, ríos e lugares emblemáticos" que se destaparán proximamente. "Iso si, viaxan cumprindo con todas as medidas de hixiene e seguridade", incide a artista, ao tempo que avanza que na segunda parte se repetirán nomes e aparecerán outros novos.

Para descubrilos hai que agardar, pero polo momento un pode adentrarse no mundo fantástico de Estrella Naseiro a través da páxinas da Escola de Saúde do Sergas e noutras webs onde xa está publicada a edición online de Mellor na casa.

Comentarios