miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

O sumario recolle que o rostro de Desirée puido ser lavado tras a súa morte para eliminar restos

Lápida de Desirée Leal Sandamil, no cemiterio de Roupar. EP
Lápida de Desirée Leal Sandamil, no cemiterio de Roupar. EP

Os investigadores si acharon sangue na almofada, no pantalón do pixama da nena, nun calcetín e uns tenis

O sumario da causa aberta polo falecemento de Desirée Leal Sandamil recolle que alguén puido lavar o rostro da pequena de sete anos tras a súa morte, aquela fatídica mañá do 3 de maio na súa casa de Muimenta, unha manobra que se realizou co propósito de eliminar calquera rastro de sangue.

Un elemento que os investigadores si acharon en varios lugares da almofada que puido ser empregada pola súa proxenitora, Ana Sandamil -a única investigada neste caso por un delito de asasinato ou homicidio e que continúa ingresada no módulo de presos do Hula, tras ser derivada desde Psiquiatría e á espera de recibir a alta médica para ser trasladada a un centro penal-, para provocarlle a asfixia por compresión en boca e nariz que acabou coa súa vida. Así se extrae dos informes preliminares da autopsia realizados no Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), que descartan que a causa da morte fora por envelenamento ou intoxicación.

Tamén apareceron pequenas mostras de sangue no pantalón do pixama que portaba Desirée, así como nunhas zapatillas deportivas e nun calcetín que se atopaban no chan, ao carón da cama da habitación onde faleceu. Eses indicios fixeron pensar aos investigadores, desde un principio, que non se trataba dunha morte natural e si violenta, polo que se mobilizou ata o lugar á policía xudicial.

Así mesmo, o sumario do caso -cuxo secreto foi levantado hai uns días pola responsable do xulgado de instrución número 1 de Vilalba-, indica que tamén se recolleron mostras de líquido nunha das paredes do cuarto no que faleceu a menor, e que coincidirían coa sustancia que se achou na botella de auga que se mandou analizar. Esta supostamente contiña un cóctel de pastillas antidepresivas das mesmas que se recolleron restos machucados noutro bote que estaba na cociña da vivenda que Desirée compartía coa súa nai e a súa avoa.

Segundo se reflicte na instrución que inclúe máis de 500 folios repartidos en dous tomos -aos que se suman as gravacións audiovisuais das tomas de declaración-, Ana Sandamil tamén inxeriría esas mesmas pastillas despois do falecemento da menor coa intención de suicidarse. A intervención da avoa, que declarou que viu como se desmaiaba e obrigouna a vomitar, permitiu que a proxenitora expulsase o contido que tiña no estómago.

SOSPEITAS. As múltiples contradicións no relato da nai sinalárona desde un primeiro momento como a principal sospeitosa para os investigadores. Así, inicialmente Ana Sandamil afirmou que atopara á pequena no chan da habitación e que foi ela mesma a que a colocou na cama, algo que despois desmentiu, segundo se desprende do sumario.

Tampouco puido precisar se a menor inxerira auga da botella con boca de tipo biberón -manifestou que non estaba chea do todo cando a preparou, pero non recordaba se estaba tan baleira como apareceu despois- nin o lugar no que esta se atopaba, xa que dixo tela preparado un tempo antes por se se atopaba mal e que despois a cambiou de sitio ao facer limpeza na habitación.

A investigación continúa aberta e á espera dos informes definitivos dalgunhas probas, pero todas a partes persoadas -ministerio fiscal, acusación particular e popular a través da Fundación Amigos de Galicia e defensa- xa accederon á información, aínda que declinaron polo momento facer valoracións ata estudar todo o sumario en profundidade.

O sumario recolle que o rostro de Desirée puido ser lavado tras a...