O soño de crear con imaxes

A produtora pontesa R3Visual cumpre dous anos con moitos traballos realizados e novos proxectos, como un vídeo turístico das Pontes ou un documental sobre Xaquín das Herbas
Noela Penabad, Javi Fernández, Roberto Rego, Isabel O'Connor y Carolina Díguele. EP
photo_camera Noela Penabad, Javi Fernández, Roberto Rego, Isabel O'Connor e Carolina Díguele. EP

Crear sumando planos era un dos obxectivos do pontés Roberto Rego desde que estudou Imaxe e Son en Lugo. E, tras pasar por varias televisións e colaborar con diversas produtoras audiovisuais, puxo en marcha un dos seus soños e creou a súa propia, R3Visual, hai dous anos. Desde os inicios, e máis de 700 días despois, suma moitos traballos realizados e novos proxectos, en marcha e en mente.

"Roldábame a idea na cabeza e mandei varios traballos á Federación Española de Profesionais da Fotografía e da Imaxe (Fepfi) e déronme varios méritos. Foi o empuxón", explica Roberto Rego, que forma equipo coa pontesa Noela Penabad (fotografía), o ferrolán Javi Fernández (dron), Marcos Gómez, operador de cámara da Coruña, e o lucense Alberto López, que se encarga das redes sociais e a comunicación. Carolina Díguele e Isabel O'Connor completan o grupo e colaboran en gran parte dos traballos encargándose do vestiario ou o atrezo.

"En principio iamos para vodas e debemos facer só tres", di entre risas o produtor audiovisual pontés, que indica que finalmente o traballo de R3Visual tomou outro camiño e centrouse en vídeos turísticos para o Concello das Pontes, Mugardos ou Ferrol, a Deputación da Coruña, publicidade para pequenas empresas e comercios ou colectivos, como a asociación de empresarios Cohempo, pezas para particulares e audiovisuais de creación propia.

E fala dalgúns, como un documental sobre a tradición da malla de Pontoibo ou Álgora, terra máxica, un curto sobre lendas e meigas que suma máis de 30.000 reproducións nas súas redes sociais e que conseguiu o recoñecemento de colección de honra da Fepfi en 2019.

Forman o equipo Roberto Rego, Noela Penabad, Javi Fernández, Marcos Gómez, Alberto López, Carolina Díguele e Isabel O'Connor

"Estou a pensar en facer unha segunda parte de Álgora", anuncia Rego, que indica que xa hai proxectos en marcha, como un vídeo turístico sobre as parroquias das Pontes que están a gravar na actualidade, e outros en mente que xa está a desexar gravar, como un documental sobre Xaquín das Herbas, un personaxe tan mítico nas Pontes como descoñecido e un dos protagonistas de dúas intervencións no proxecto As Pontes EnPezas, no que a produtora R3Visual tamén está presente.

"Empecei desde que se iniciaron os murais e é un proxecto moi interesante, poder ver a arte e como traballan os profesionais e gravar os procesos de creación", di o pontés, que recoñece que o audiovisual non atravesa o seu mellor momento, aínda que non tira a toalla e non se rende.

"O traballo dos profesionais moitas veces non se valora o suficiente porque todo o mundo cre que pode facelo cun bo móbil e coas redes sociais calquera pode subir un vídeo, pero é importante ter coñecementos: a composición do plano, a iluminación, un bo guión á hora de contar as cousas... porque cun bo traballo podes crear sentimentos na xente, facela chorar ou rir", di.

"Custounos meternos no mercado, pero agora ímonos afianzando pouquiño a pouquiño", indica, á vez que sinala que "hai poucas axudas" e o "momento é incerto". O ano pasado fixeron cursos para mozos de 14 a 30 anos, pero a pandemia non permitiu repetilos este 2020. "O reto é seguir creando e o equipo funciona cada vez mellor, logo de dous anos ás veces xa nos entendemos cunha mirada", asegura.

Comentarios