Os Trapeiros dos Vilares: sons con tradición

A Carballeira do Cancelo acolleu a primeira actuación deste novo grupo, xurdido das clases que impartiu durante o inverno Manuel Varela na escola habaneira da Conchada 
Integrantes dos Trapeiros dos Vilares. C.PÉREZ
photo_camera Integrantes dos Trapeiros dos Vilares. C.PÉREZ

Se hai unha figura que trascendeu fronteiras dende a parroquia guitiricense dos Vilares, esa foi a dos trapeiros, eses comerciantes nómadas que vendían e compraban aquí e acolá. Distinta finalidade pero igual rutina tiñan os músicos de antano, que carrexaban os instrumentos consigo para animar as romarías de toda a volta. E destes, tamén houbo uns cantos na historia vilarega.

Ambas herdanzas conflúen na nova formación musical tradicional Os Trapeiros dos Vilares, que facía o seu debut artístico esta mesma fin de semana na ‘casa’, na Carballeira do Cancelo, logo de irse xestando no longo inverno, entre leccións de percusión, gaita e acordeón ás que asisten ao redor dunha vintena de alumnos.

A Asociación de Veciños, Cultural e Medioambiental dos Vilares apostaba o pasado outubro por recuperar as clases de música tradicional que outrora se impartiran na escola habaneira da Conchada e dende entón, todos os sábados á noite, dende pequenos de apenas cinco anos ata adultos que superan os 80, teñen unha cita cos sons da terra da man de Manuel Varela, mestre de música e membro de grupos coma Nao ou Leirabuxo.

Unha vintena de persoas de todas as idades asistiron ás clases de gaita, percusión ou acordeón

Hai xusto un ano, unha conversa entre membros da asociación e Varela na Romaría Labrega da Chaira daba pé a unha iniciativa que doce meses despois xa deu os seus froitos, cunha primeira actuación no mesmo escenario, que dende logo non será a última. Os Trapeiros dos Vilares queren animar todas as celebracións locais e festas da asociación, se ben están máis que dispostos a acudir alá onde os chamen para actuar.

Pandeiretas, gaitas ou tambores forman xa parte do grupo, aínda que a idea é incorporar tamén aos alumnos de acordeón, que seguirán perfeccionando a súa técnica a partir de outubro, cando comeze a segunda tempada de clases.

Luz Veres, alumna da escola, gaiteira e presidenta da asociación vilarega que promove a iniciativa, explica que xa contan con algunha nova incorporación, pois mesmo se interesou xente de Ferrol polas clases, e anima a calquera persoa a achegarse e probar.

"Queremos recuperar a tradición musical dos Vilares", resume Luz, que tras un ano de clases asegura que todos están "moi contentos" con formar parte desta iniciativa musical, non só polo que deixan aprendido, senón tamén polo ben que o pasan todos xuntos, ao son dos ritmos de sempre.

Comentarios